publicidade hoxe

Meira acolle unha nova edición da súa Festa da Malla, a primeira que xurdiu en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaLugoMeira
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o presidente da Asociación Amigos da Malla de Meira, Manuel Pardo, presentaron este martes a XXIII Festa da Malla. É a primeira cita destas características que xurdíu en Galicia, xa hai 23 anos, dando paso a outras convocatorias na Comunidade e acadando a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional no 2006. O colectivo meirense, coa colaboración da Deputación de Lugo, organiza unha nova edición deste festexo, o domingo 24 de agosto, na Praza Maior de dita vila chairega.

Méndez destacou que “este tipo de iniciativas poñen en valor a historia e etnografía da provincia e recuperan a tradición galega, ó tempo que serven de reclamo turístico para os visitantes. A Deputación colabora co impulso destas citas, posto que contribúen a dinamizar a economía da zona”. Pola súa banda, Pardo agradeceu a colaboración da Deputación.

Para a realización da festa, sementáronse uns 3.000 metros cadrados de trigo. Varios veciños encargaranse da súa malla durante todo o día. Comezarán traballando a man e irán incluíndo ferramentas ata a chegada da malladora. É dicir, as recreacións deste tipo de labor labrego tradicional evolucionarán na medida en que evolucionaron os apeiros.

Máis actividades
O centro desta vila chairega acollerá as exposicións de maquinaria antiga e de artesanía, onde se reunirán máis de 40 artesáns, a maioría da provincia luguesa. Esta xornada estará amenizada pola banda de gaitas e o grupo de pandereteiras de Meira, a banda de música da escola municipal, o grupo Muralla e o grupos Os Valuros. Nesta cita etnográfica, tamén ten cabida unha degustación gratuíta de buñuelos e viño, a partir das 12:30 horas do mediodía. Logo, haberá un xantar típico da malla, con prezos populares. O broche de ouro porao unha queimada.

Acompañaron hoxe a Lara Méndez e Manuel Pardo durante presentación desta cita, outros catro membros da Asociación Amigos da Malla de Meira: Mónica Folgueira, Manuel Ferreiro, José Palacios e Domingo Doval.

12 de agosto de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.