publicidade hoxe

Maxia, deporte e motor daranse cita esta fin de semana en Arcade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O verán en Soutomaior, ademais de ser momento para a familia, é sinónimo de cultura, deporte, maxia e unha infinidade de actividades deseñadas para o goce de todos os veciños e visitantes. O Concello deseñou un amplo e variado programa que para este fin de semana brinda tres novas opcións. A primeira é a actuación do coñecido ilusionista Chrystian Magic no edificio multiusos. O sábado pola tarde celebrarase a esperada Festa da Bicicleta mentres que o domingo terá lugar a Concentración de Seat 600 no Peirao de Arcade.

Os máis pequenos teñen unha cita este venres ás 21:00 horas no edificio multiusos de Arcade, co espectáculo “A casiña da maxia na rúa”. Unha actuación para toda a familia chea de sorpresas, risas e incredulidade que fará as delicias de todos os nenos que se sumen á escena. Sesenta minutos a cargo do coñecido prestidixitador ChrystianMagic nos que pretende espertar entre os asistentes “toda a maxia que levamos dentro”.

Para os amantes do deporte celébrase o sábado, a partir das 19:00 horas, a Festa da Bicicleta, outro dos eventos máis esperados polos nenos todos os anos. Co Peirao de Arcade como punto de encontro e saída, os asistentes gozarán dun relaxado paseo polo interior do municipio co pavillón da Montesiña como destino inicial. Unha vez alí gozarán dun pequeno descanso e unhas bebidas coas que recuperar forzas para a viaxe de volta. Xa que os máis pequenos terían difícil participar no paseo, para eles habilitarase un circuíto pechado no Peirao no que poderán practicar e xogar cos seus amigos.

O domingo, a partir das 11:00 horas, terá lugar o tradicional encontro entre afeccionados aos “pelotillas”, como se coñece popularmente ao Seat 600, no Peirao. Unha cita que alcanza este ano a súa vixésima edición e converteuse nun auténtico referente nacional para os amantes deste clásico das nosas estradas. Decenas de, o que para moitos foi o seu primeiro coche, volverán encher as rúas de Arcade de innumerables recordos no seu tradicional percorrido até o peirao.

7 de agosto de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.