publicidade hoxe

Máis de 4.000 guías informativas sobre a Mariña serán distribuídas nas oficinas de turismo da praia das Catedrais e de Ribadeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia fixo entrega hoxe de 4.200 guías informativas sobre a Mariña lucense que serán distribuídas nas oficinas de turismo da Praia das Catedrais e de Ribadeo.

As guías foron editadas por Turismo de Galicia para promocionar o xeodestino da Mariña lucense entre os visitantes que se achegan ao famoso areal, buscando así a dinamización turística da comarca e a ampliación do tempo medio de estadía dos turistas na zona.

Na publicación dáse conta da oferta turística da Mariña, dende as praias distinguidas coa bandeira azul e a Q de Calidade Turística, ata a gastronomía, as festas de interese turístico, os museos e o patrimonio cultural e natural. Todo elo, nun formato de fácil lectura e manexo que reúne a información básica en cada apartado e pon de relevo a variada e diversificada oferta da comarca.

A distribución nas oficinas de información turística de Ribadeo foi acordada co concello, no clima de colaboración que pretende a Xunta á hora de acordar medidas que favorezan o aproveitamento sustentable da Praia das Catedrais como recurso turístico. O propio areal, así como outros atractivos do municipio, teñen un lugar destacado na publicación.

Esta medida, que quere incrementar as pernoctas e difundir os valores turísticos do conxunto da comarca, ven a sumarse a outras actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver no entorno do monumento natural Praia das Catedrais e que van especificamente dirixidas á regulación do uso público e á conservación do areal.

Así, a Consellería Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, colocou na área carteis e mesas temáticas que ofrecen información sobre os puntos singulares do ámbito -miradoiros, posto de socorrismo, áreas acantiladas-, e a protección das zonas máis vulnerables dende o punto de vista xeolóxico e ecolóxico, ao tempo que advirten aos visitantes dos coidados e precaucións para evitar riscos derivados da circulación destes polos espazos acantilados.

Igualmente, o pasado día 24 a Xunta puxo en marcha un servizo de guías que informan aos visitantes dos puntos de interese así como daqueles que entrañen risco para a integridade física das persoas ou para a degradación do ecosistema. Tamén ofrecen explicacións sobre os compoñentes xeolóxicos que conforman a praia e sobre as mareas, cuestión particularmente importante para visitar esta praia, ao tempo que facilitan datos sobre outros destinos turísticos de natureza na contorna.

Estas medidas forman parte da primeira fase do Plan de actuación do Monumento Natural Praia das Catedrais, no que a Xunta de Galicia inviste 160.000 euros.

Esta fase está centrada no desenvolvemento de actuacións inmediatas de recuperación do espazo e posta en valor do entorno.

A segunda fase consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais; a previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é contar con este documento no próximo verán.

7 de agosto de 2014 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.