publicidade hoxe

‘Luz verde’ definitiva aos orzamentos de Val do Dubra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVal do Dubra
A-
A+

O Concello de Val do Dubra, nun pleno celebrado esta mañá, deu ‘luz verde’ definitiva aos seus orzamentos para 2014. As contas suman 2,78 millóns de euros e crecen un 20% respecto das de 2013. Os investimentos previstos alcanzan os 648.037 euros e crecen un 100%. A ampliación e mellora da rede de abastecemento para este ano requirirá un total de 241.983 euros.

O alcalde de Val do Dubra, Ramón Varela, destacou o esforzo que expón o Goberno local en materia de investimentos. Un dos obxectivos é levar a traída de auga municipal ás 12 parroquias a curto-medio prazo. De aí a partida destinada para este exercicio, que representa case o 40% dos investimentos totais previstos. O pleno de hoxe tratou a alegación presentada pola oposición respecto de posibles duplicidades nas melloras da rede de abastecemento. O alcalde explicou que esta alegación non pode acollerse a ningún dos casos recolleitos na Lei das Facendas Locais como reclamación aos orzamentos. Aínda que “por deferencia, claridade e transparencia” considerouse necesario un pronunciamiento do Pleno do Concello sobre o contido da alegación.

Os informes presentados polos redactores do proxecto técnico de mellora da rede de abastecemento e pola arquitecta do Concello de Val do Dubra apuntaron que non existe duplicidade. O grupo de Goberno municipal votou a favor da desestimación da alegación. O representante da oposición (Anova), a pesar de recoñecer o seu erro na formulación da reclamación, votou de novo en contra dos orzamentos para 2014, que saíron adiante definitivamente co voto positivo do PP e a abstención do PSOE.

O alcalde explicou que as contas aprobadas xa de forma definitiva son realistas. E destacou a “prudencia” e a “contención do gasto” para salvagardar os servizos que teñen os veciños e veciñas á súa disposición. Ramón Varela apuntou no Pleno desta mañá que o Goberno municipal que preside “está para mellorar e establecer servizos rendendo sempre contas e escoitando todas as suxestións de mellora”. Tamén fixo o propósito de seguir “buscando financiamento” para os novos proxectos que desenvolva o Concello de Val do Dubra. E aclarou, iso si, que non permitirá o descrédito da xestión da institución municipal co aparente único obxectivo de obter “réditos inmediatos”.

Ramón Varela tamén achegou datos sobre o saneamento da facenda municipal. As arcas locais lograron durante 2013 amortizar de forma voluntaria e anticipadamente 150.000 euros da súa débeda pendente. A débeda sitúase nun 31,79%, cando o máximo permitido é do 110%. O exercicio orzamentario de 2013 liquidouse cun remanente de tesouraría positivo por un importe de máis de 500.000 euros. Ademais da rede de abastecemento, os investimentos inclúen o programa de mellora de camiños municipais, financiado con recursos propios e fondos de Agader, suma máis de 69.000 euros. No capítulo de investimentos tamén están obras incluídas no proxecto do POS 2014 e no programa DCT 2014. As contas de Val do Dubra para 2014 non reflicten a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) proxectada para Portomouro, a beiras do río Tambre. O proxecto, que supón un investimento de case un millón de euros, estará listo a final do próximo mes de setembro. A iniciativa foi orzada, licitada e adxudicada a través de Augas de Galicia.

12 de agosto de 2014 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.