publicidade hoxe

Licítanse por 200.000 euros as obras da terceira fase do saneamento na Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras da terceira fase do saneamento na Ribeiriña, no Concello da Pobra do Caramiñal, por máis de 200.000 euros

Cómpre lembrar que neste proxecto xa foron previstas dúas fases anteriores nas cales se investiron 1,3 millóns de euros. Unha primeira fase, cunha achega económica de máis de 648.000 euros, incluíu dous bombeos coas súas respectivas impulsións e tres tramos de colectores xerais de case 3 km de lonxitude; e unha segunda fase, cun investimento de máis de 653.000 euros, que supuxo a recollida de augas residuais dos núcleos da Ribeiriña e O Conchido e o seu transporte mediante colectores e impulsión ata o colector executado na primeira fase.

A obra que se licita hoxe define e valora as actuacións necesarias para executar a terceira fase do sistema de saneamento da Ribeiriña, permitindo a conexión das novas redes coas xa executadas en fases anteriores.

Así, nesta 3ª fase executarase o saneamento en dúas áreas. A primeira é unha pequena zona de vivendas na marxe sur da estrada Padrón- Ribeira (AC-305), na cal se proxecta a execución dun colector de 174 metros de lonxitude. A segunda zona corresponde a dúas vías municipais que discorren perpendiculares á AC-305, e que dan servizo a un pequeno núcleo de vivendas e a unha pequena urbanización de recente construción. Aquí construirase un colector de 297 metros de lonxitude, unha impulsión de 156 metros de lonxitude. O colector disporá dun pequeno bombeo prefabricado, dotado con dúas bombas.

Estas actuacións, que pretenden eliminar determinadas carencias detectadas no sistema de saneamento da Ribeiriña, no concello da Pobra do Caramiñal, tamén mellorarán a calidade das augas da Ría de Arousa.

Con estas obras a Xunta leva a cabo as actuacións necesarias en materia de saneamento para garantir o cumprimento da directiva de Augas Residuais, priorizando as actuacións vinculadas ao saneamento das rías galegas mediante a construción de depuradoras.

6 de agosto de 2014 | 14:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.