publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Liberan 4 toneladas de pezas de convicción nos xulgados de Xinzo de Limia

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+
Material almacenado nos xulgados de Xinzo de Limia

Material almacenado nos xulgados de Xinzo de Limia

A Xunta de Galicia, grazas aos traballos de expurgo de dependencias xudiciais que está a levar a cabo en toda a comunidade, liberou preto de 4 toneladas de material de convicción que se almacenaba nos xulgados do municipio ourensán de Xinzo de Limia.

Nas dependencias xudiciais amontoábase mercadoría falsificada procedente de incautacións, entre as que se atopaban dende prendas de roupa, xoguetes ou calzado, ata varias motocicletas de pequeno tamaño. Os materiais, que no caso das prendas de vestir non puideron ser doados a ningunha organización polo feito de tratarse de falsificacións, foron trasladados ás instalacións da planta de tratamento de residuos de Sogama para proceder á súa destrución.

En vindeiras datas serán os xulgados de Verín os que comecen a desbotar as pezas de convicción almacenadas, dentro dos labores que se levarán a cabo nos edificios xudiciais da provincia.

Expurgo de documentos

Os traballos de expurgo de materiais de convicción veñen precedidos doutras tarefas de organización e clasificación de arquivos xudiciais que se levaron a cabo en varias dependencias. Estas iniciativas están a posibilitar a realización dun inventario dos fondos documentais e materiais que acumulan os xulgados galegos. Deste xeito, determínase que escritos son susceptibles de ser conservados polo seu interese histórico, e cales poden ser eliminados.

Grazas a esta medida, as sedes xudiciais gañarán preto dun 75 por cento de espazo facilitándose, á súa vez, o acceso á documentación que queda e a conservación do patrimonio documental galego. Estos labores supoñen un paso máis no proceso de modernización da Administración de Xustiza que a Xunta está a desenvolver dende a pasada lexislatura.

13 de agosto de 2014 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.