publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Invístense 400.000 euros na mellora da seguridade viaria na travesía de Agro do Mestre, en Trazo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTrazo
A-
A+

A Deputación da Coruña reformará a travesía DP 5903 no Agro do Mestre en Trazo para gañar en seguridade viaria. A achega de 391.930,04 euros aprobouse no último pleno e forma parte do Plan de Travesías do ente provincial para este ano.

As obras se realizarán no núcleo rural do Agro do Mestre da parroquia de Xavestre, onde viven unhas 60 persoas e na que se localizan o centro de saúde, a farmacia e varios locais de hostalería, polo tanto, un núcleo moi transitado.    

En concreto actuarase dende o punto quilométrico 16,810 ao 17,375 da DP 5903 e tamén nos primeiros 146 metros da DP 7804 no seu entronque coa anterior, comezando polo tanto no cruce a Benza e Monzo e rematando a obra no centro de saúde.

Os traballos consistirán na ampliación dos carrís a máis de tres metros e se incorporará unha senda peonil en ambas marxes, de tal xeito que no sentido de Ordes a Santiago pola marxe dereita se inicia a senda no cruce de a Benza e Monzo e se remata na CP 7804. Pola marxe esquerda este paso iníciase nas primeiras vivendas ata chegar ao centro sanitario. Alí executaranse beirarrúas a ambas marxes.

A senda peonil terá un ancho de entre dous e dous metros e medio cun bordo de formigón. Ademais, nas beirarrúas se instalará unha varanda de 190 metros de lonxitude.

Estacionamento

Ademais, para completar o proxecto a Deputación creará oito zonas de estacionamento para 50 prazas nas proximidades dos lugares máis habitados e xunto ao centro de saúde.

A obra inclúe toda a sinalización horizontal e vertical, incluíndo pasos peonís e a instalación de bandas sonoras.

Este investimento súmase as achegas que lle corresponden ao concello de Trazo por medio  do DTC93 e cuxa segunda e última fase tamén se aprobou no último pleno provincia. Neste caso, a Deputación investirá 148.889,39 euros no acondicionamento de varios camiños do municipio.

4 de agosto de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.