publicidade hoxe

Intenso fin de semana en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Concello de Cabanas xa se prepara para unha fin de semana de intensa actividade. Tanto o sábado como o domingo varias serán as citas que teñan lugar e que permitirán tanto ós propios veciños como os visitantes que se acheguen gozar dunha variada oferta lúdica, tanto deportiva como musical con interesantes propostas de verán.

Desta forma, durante a xornada do sábado 2 de agosto celebrarase unha nova edición da Xuntanza Moteira de Cabanas, que acadará con esta o seu cuarto ano de vida. Os actos da concentración darán comezo ó mediodía. Así, a partir das 14:00 horas procederase á apertura de inscricións. O primeiro acto propiamente dito terá lugar ás 17:30 horas, cunha ruta moteira e tras ela uns pinchos para os participantes. Ás 21:00 horas terá lugar a actuación do grupo “La Clave” para dar paso á cea, que será ás 21:30 horas. Non será esta a única actuación musical, xa que ás 22:30 horas será o turno para “The Cerne”. As 00:00 horas será o momento para a Ruta das Antorchas así como entrega de trofeos. A concentración rematará cunha nova actuación de “La Clave” ás 00:30 horas e de discomóbil “Bar Pibe” ás 01:30 horas.

Pola súa banda, o domingo 3 de agosto será o momento dunha nova Romaría de Santa Marta. Ás 11:00 horas arrincará esta tradicional celebración de Cabanas coa disputa do XXV Cross Popular de Santa marta. Ás 12:30 horas terá lugar un pasarrúas a cargo do grupo tradicional “Airiños do Frade”. Máis tarde, ás 14:30 horas, a tradicional comida baixo carpa de Santa Marta. Xa pola tarde, “Airiños do Frade” serán os que se encarguen de amenizar coa súa música nunha actuación ás 16:30 horas, para dar paso logo ás 17:30 horas ó Mago Dani Polo. A rondalla “Estrelecer” ocupará posteriormente o escenario ás 19:30 horas. O último dos actos previstos será a final do VIII Torneo de 3×3 de baloncesto ás 20:30 horas no Parque do Areal. E tanto o sábado como o domingo, tamén se levará a cabo o Mercadillo de Cabanas, en horario de 12:00 a 22:00 horas.

1 de agosto de 2014 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.