publicidade hoxe

Instálanse 11 paneis informativos e de advertencia do monumento natural das Catedrais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Consellería Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, inicia hoxe, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a colocación de varios elementos informativos e de advertencia no monumento natural da Praia das Catedrais, que servirán de guía para os visitantes do entorno. Esta actuación atópase dentro do Plan de actuación establecido dende o departamento dirixido por Ethel Vázquez e que busca a regulación do uso público e posta en valor do espazo natural.

A Dirección Xeral colocará un total de 11 carteis, dos cales 8 ofrecen información sobre a protección das áreas máis vulnerables dende o punto de vista xeoecolóxico e advirte aos visitantes dos coidados e precaucións para evitar riscos derivados da circulación destes polos espazos acantilados.

Os restantes elementos son mesas temáticas de grandes dimensións con carácter informativo/formativo para os visitantes, nos que a través dunha coidada imaxe se sinalan os puntos singulares do ámbito -miradoiros, posto de socorrismo, áreas acantiladas-, e ofrécese unha breve exposición dos valores xeolóxicos e ecolóxicos que motivan a conservación deste espazo natural.

Estas medidas dan continuidade ás establecidas no mes de xullo, na que varios guías informativos trasladan información sobre as normas de uso público e de acceso ao Monumento Natural, ao tempo que facilitan información sobre outros destinos turísticos de natureza na contorna.

Plan de actuación

O pasado mes de xullo, a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, visitou a praia das Catedrais onde presentou o contido do Plan de actuación do Monumento Natural, no que o seu departamento está a traballar para establecer medidas de conservación deste entorno natural.

Este plan implica un investimento de 160.000 euros e ten dúas fases. A primeira de elas está centrada no desenvolvemento de actuacións inmediatas de recuperación do espazo, como a colocación dos paneis informativos e de advertencia, ou a presenza de guías que facilitan información aos visitantes a este Monumento natural, as normas de uso público e acceso, ao tempo que facilitan datos sobre outros destinos turísticos de natureza na contorna.

A outra fase do plan consiste na redacción do Plan de Conservación do Monumento Natural das Catedrais. O pasado mes o Consello da Xunta acordou iniciar a tramitación deste instrumento de planificación que ten por obxecto definir e establecer o réxime de usos públicos e limitacións necesarios para a conservación do entorno. Este documento será vinculante para as administracións públicas e particulares. A previsión da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas é contar con este documento no próximo verán.

5 de agosto de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.