publicidade hoxe

Impulso aos produtos autóctonos e os oficios tradicionais na IX Feira Artesá-Gastronómica de Castroverde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCastroverdeLugo
A-
A+

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, o Alcalde de Castroverde, José María Arias, e a Concelleira de Cultura, Pilar Ferreiro, presentaron este mércores a IX Feira de Artesanía e Gastronomía, que acollerá o recinto ferial desta localidade o vindeiro domingo, 17 de agosto. Por sexto ano consecutivo, o organismo provincial colabora co Concello na celebración desta cita, cunha achega económica de 3.000 euros. Está é unha das máis de 50 actividades, que teñen lugar nuns 40 Concellos lugueses, que financia a Deputación con 3,6 millóns de euros do Plan Estratéxico de Subvencións, dirixido a potenciar os principais sectores produtivos: agricultura, gandeiría, pesca, comercio, turismo ou artesanía.

Santos destacou que a institución luguesa contribúe á celebración desta cita, posto que “se enmarca na nosa aposta polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais, como sinais de identidade e atractivo da provincia que xeran riqueza, aproveitando a visita de centos de persoas nestas datas. O ano pasado, máis de 1.500 persoas se deron cita en Castroverde, oportunidade que non podemos deixar escapar para potenciar sectores punteiros na nosa provincia, como o artesá ou o gastronómico, que crear emprego e fixan poboación no rural”. Por outra banda, Arias e Fereiro agradeceron a colaboración da Deputación e convidaron a todos os interesados a pasar o vindeiro domingo 17 de agosto en Castroverde para poder gozar dunha cita que se consolidou co tempo e que medra cada ano.

Programa lúdico, artesá e gastronómico

O recinto feiral de Castroverde abrirá ó público ás 10:00 horas. Unha hora máis tarde, arrancarán os obradoiros artesanais e as demostracións en vivo de oficios tradicionais. Durante todo o día, máis de 100 artesáns das provincias de Lugo, A Coruña, Pontevedra, Ourense e incluso León, daranse cita neste municipio lugués, para ofrecer en vivo demostracións de canteiría, latón, cestaría, tear, tella, zocas, oleiría, torneiros de madeira, talla de cristal, instrumentos musicais e tapiz.

Cara ó mediodía, terá lugar unha degustación gastronómica de embutidos artesanais, acompañados dunha cata de viños leoneses. A continuación, os visitantes, máis de 1.500 nas últimas convocatorias, terán a oportunidade de asistir a un desfile de moda a cargo de María Nogueira. No desfile, presentado pola actriz lucense Mariana Expósito, amosaranse vestidos reciclados, de fibras vexetais e pezas de xoiaría. A maiores, haberá tamén un vestido de encaixe de Camariñas. O pregón do filólogo, escritor e historiador castroverdense, Ricardo Polín, precederá a un xantar típico galego. A xornada de mañá estará amenizada polo grupo musical Zuncurrundullo e a Asociación Cultural Cántigas e Frores.

A tarde será de aspecto máis lúdico e dedicada, case ó completo, ós máis cativos. A partir das 16:00 horas, nas piscinas municipais, terá lugar unha festa de inchables. Logo, actuará a banda musical A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, e máis tarde o circense Peter Pank. Para rematar, o Mago Xacobe realizará o seu espectáculo “Feitizos e Abraios”.

Completa o programa, a II Concentración de Motos e Coches Clásicos. Arredor duns 50 vehículos estarán expostos toda tarde no recinto feiral, despois de realizar un percorrido pola vila durante a mañá.

13 de agosto de 2014 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.