publicidade hoxe

Impulso á “IV Feira de Oportunidades “ do comercio local de Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Emprego, en colaboración coa Asociación de comerciantes de Ortigueira, promove, complementando o fin de semana do deporte, a “IV Feira de Oportunidades” do comercio local. Á iniciativa, que se celebrará os días 9 e 10 de agosto na Alameda, sumáronse finalmente unha decena de establecementos da localidade. Co ánimo de impulsar as compras, o goberno de Rafael Girón sorteará entre os compradores un total de 1.000 euros en cinco cheques regalo.

Os comercios que decidiron participar na campaña trasladarán unha parte dos seus negocios á carpa habilitada na Alameda, onde se atenderá á clientela de maneira ininterrompida, de 10 a 22 horas. Deste xeito, facilitaranse ao máximo as compras. Ademais, por primeira vez, o concello sorteará entre os compradores desta feira un total de 1.000 euros, en cheque agasallos de distinta contía, que se sortearán ao longo do fin de semana, e que haberán de trocarse en calquera das tendas que participan no outlet.

A nómina de participantes permite constatar que haberá unha representación do comercio comerciante polo miúdo no seu conxunto, tendo cabida desde o téxtil aos seguros, pasando polos zapatos, os libros ou os obxectos de agasallo. Así, súmanse á iniciativa Calzados Galofer, Libraría Ramos, Talleres Santiago, Boutique Mari Tere, Xoiaría Maite, Ciclos Cociña, Agasallos Olga, Comercial Senra, Outlet Multimarca e Eixo Atlántico 3000.

Desde o departamento que dirixe Adolfo Maragoto incídese en que esta feira estival busca, sobre todo, beneficiar tanto a comerciantes como a compradores. Os primeiros poderán promocionar os seus establecementos e mellorar as súas vendas, nun momento marcado pola crise económica; e os segundos terán ocasión de adquirir produtos de boa calidade ao mellor prezo. O feito de que comparta espazo e tempo coa “II Festa popular do deporte” facilitará ademais que os negocios participantes poidan acceder a novos potenciais clientes.

A “IV Feira de Oportunidades” (9 e 10 de agosto) servirá ademais para enriquecer a oferta de propostas de lecer que o goberno local impulsa no núcleo urbano durante o mes de agosto, o mes por excelencia das vacacións.

4 de agosto de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.