publicidade hoxe

Hernández transmite aos empresarios do Tambre o compromiso de Fomento de licitar a duplicación da ponte de acceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Hernández na reunión coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre

Hernández na reunión coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre

O alcalde compostelán, Agustín Hernández, reuniuse coa directiva da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, encabezada polo seu presidente, Jesús Chenel. No encontro, celebrado na sede da asociación empresarial, abordaron cuestións como a variante de Aradas ou a duplicación da ponte de acceso a esta área, onde traballan máis de 6.000 persoas e que é o principal polo de atracción industrial da bisbarra. Un dos asuntos tratados na reunión foi o proxecto de duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre. O alcalde informou aos empresarios da última información transmitida polo secretario de Estado de Infraestruturas, Rafael Catalá, no sentido de que a obra será licitada no que resta de 2014, co obxectivo pola en marcha ao longo de 2015. “Esta é unha actuación longamente demandada e absolutamente imprescindible para mellorar a accesibilidade dos vehículos ao Polígono”, indicou.

Seguindo coas infraestruturas viarias, Agustín Hernández tamén explicou a situación actual da variante de Aradas. Lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten recollido este proxecto nos orzamentos de 2014, polo que agarda que en 2015 comecen as expropiacións e se licite a obra, “facendo realidade unha actuación que permita sacar os vehículos pesados de zona de Vite e da avenida de Castelao, e mellorar a conectividade do Polígono do Tambre coa estrada a Santa Comba e Carballo”.

No ámbito do transporte público, o alcalde e os empresarios falaron do servizo que se presta a esta área empresarial. Neste sentido, o rexedor lembrou o acordo ao que chegou o Concello coa empresa á que xudicialmente se lle recoñeceu a concesión do servizo, que é a que, actualmente, presta o servizo de conexión do Polígono coa cidade. Agustín Hernández, que considera “necesario” mellorar esta conectividade, comprometeuse a manter xuntanzas coa concesionaria co fin de mellorar o servizo.

A xuntanza tamén serviu para tratar cuestións como a mellora substancial producida no estacionamento de camións, grazas ao recente pintado de áreas para tal fin realizado polo Concello. Así, ata 40 vehículos poden agora aparcar no Polígono de forma controlada. Finalmente e atendendo á demanda dos empresarios en materia de mantemento viario, o alcalde comunicoulles que, neste mes de agosto, se dará prioridade á realización de rozas naquelas vías e parcelas en peores condicións.

13 de agosto de 2014 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.