publicidade hoxe

Educación desenvolverá en agosto a segunda fase da mellora do pavillón do Ceip Virxe do Carme de Sober

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSober
A-
A+
Xesús Vázquez e Raquel Arias revisando o proxecto

Xesús Vázquez e Raquel Arias revisando o proxecto

A conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, anunciou hoxe que o departamento autonómico iniciará nos próximos días as obras da segunda fase das actuacións de mellora previstas no pavillón do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Virxe do Carme, en Sober, un centro no que tamén se levará a cabo a reforma da biblioteca dos aseos de Educación Infantil.

Vázquez revisou xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o proxecto disposto. ”A actuación desenvolverase na súa meirande parte durante o mes de agosto, estando previsto que os traballos estean rematados de cara ao inicio do curso lectivo     2014-15”, sinalou o conselleiro.

O proxecto que se desenvolverá neste centro suporá primeiramente a renovación dos cerramentos laterais do pavillón deportivo co que conta o centro. Para isto, retirarase o antigo cerramento de chapa metálica por un novo de paneis sándwich, sobre correas metálicas, que facilitarán tamén a completa conexión da estrutura do pavillón coa edificio do colexio.

Os paneis de sándwich están compostos por dúas capas de chapa que revisten unha capa de material illante que facilita un maior equilibrio térmico ao tempo que permite unha maior impermeabilización. Así mesmo, procederase tamén á reparación da rede de pluviais, tanto arquetas como tuberías de canalización, do pavillón, na que tamén se procederá ao pintado da estrutura existente.

Estes traballos, xunto cos que se realizarán inmediatamente a continuación suporán, segundo indicou o conselleiro, un investimento de preto de 40.000 euros neste centro soberino, que conta cunha matrícula que ronda os 60 alumnos.

Novo acceso

A continuación destas obras, procederase prácticamente de modo simultáneo á execución da mellora do acceso á devandita instalación deportiva e a reforma dos aseos de Educación Infantil e da zona da biblioteca coa que conta o centro.

No caso da obra no pavillón, modificarase a entrada para facilitar un acceso independente do colexio, creando unha zona de entrada cuberta. Para isto, instalarase unha estrutura de acceso con piares e correas sobre o que se colocará unha cuberta de panel de sándwich de 30 milímetros de espesor.

Polo que respecta ás reformas nos baños de Educación Infantil, substituiranse inodoros existentes por novos elementos adaptados aos máis pequenos e instalaranse paneis divisorios para as cabinas de aseo.

Por último, no que respecta á biblioteca procederase á demolición de dous tabiques divisorios para ampliar o espazo, no que se adaptará a instalación eléctrica e se levará a cabo o pintado de distintas zonas.

 

1 de agosto de 2014 | 13:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.