publicidade hoxe

Dezasete concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal optarán ás axudas para municipios con zonas de Rede Natura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMonfero
A-
A+

Ata 17 concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal poderán optar á orde que ven de publicar esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) pola que se establecen as axudas para os municipios que se atopan dentro das zonas de Rede Natura 2000. Así llo trasladou esta mañá a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, ao alcalde de Monfero, Benjamín Rodríguez, co que mantivo unha reunión de traballo para presentarlle esta nova convocatoria impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.Do Campo recordou que Monfero é un dos concellos da provincia cunha maior porcentaxe de territorio incluída en Rede Natura, pois conta con 5.951 hectáreas protexidas das 17.247 que ten o municipio, é dicir, un 34,5% do seu territorio. Nas tres comarcas, a superficie incluída na área de protección supera as 20.500 hectáreas.

En toda a provincia da Coruña, dos 93 concellos, 75 poderán ser perceptores das axudas. Destes, 71 teñen unha superficie incluída en Rede Natura menor ao 30% da súa superficie total e catro –Cariño, Monfero, Carnota e Toques-, entre o 30 e o 60% do seu territorio.

Compromiso co coidado do contorno e a paisaxe

Os proxectos subvencionbles a través deste programa deberán ir destinados a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a mantemento das condicións ambientais e a favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e á recuperación ou restauración de elementos históricos patrimoniais como hórreos, milladoiros, fontes, cabanas ou valos. Neste senso, Do Campo indicou que “a Xunta de Galicia segue a cumprir co seu compromiso de coidar o noso contorno, a nosa paisaxe, porque non só contribúe a preservar a nosa identidade, senón que tamén supón un importante atractivo económico e turístico”.

Tal e como se recolle na orde, serán subvencionables as distintas accións:

a. Actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e desenvolvemento de usos recreativos: limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios; sinalización de camiños, e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000.

b. Accións a prol da recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos ou necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional (rehabilitación de elementos de valor patrimonial nas explotacións: hórreos, milladoiros, cabanas, sequeiros, muros, fontes e calquera outra de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000).

c. Actuacións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais: sistemas de condución e drenaxes próximos a zonas de acceso; investimentos destinados á preservación da vexetación de ribeira e filtros verdes; mantemento de sebes nas beiras das zonas comúns, mellora de accesos, levadas ou traídas que faciliten a conservación ou mantemento en bo estado dos hábitats seminaturais soutos e prados de sega e outras de análoga ou similar natureza dentro da Rede Natura 2000.

“Trátase de dar resposta á necesidade de contribuír á biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu a delegada territorial, quen recordou que o importe da subvención será do 100% do custe do proxecto, cun importe máximo de 20.000 euros por municipio. Ademais, existe a posibilidade de recibir un anticipo do 50% do proxecto. Segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, os concellos teñen ata o 8 de setembro para presentar as solicitudes, que, como novidade este ano, deberán formalizarse unicamente de xeito telemático, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es.

O departamento autonómico pretende coa concesión destas axudas non só a recuperación do medio natural senón tamén o fomento da protección dos espazos galegos e a concienciación pola defensa e conservación da natureza e dos seus elementos. Estas subvencións atópanse dentro do orzamento de máis de 1,8 millóns de euros que a Xunta de Galicia destinará a 215 concellos de toda a comunidade incluídos na Rede Natura 2000, que se distribuirán en dúas anualidades: 1,20 millóns de euros para o ano 2014 e 702.000 euros para o 2015, integramente con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75%.

A Rede Natura é, ademais dun instrumento de conservación do medio natural, un referente de sustentabilidade que brinda a oportunidade de aproveitar as vantaxes económicas e sociais que unha xestión adecuada dos espazos naturais pode reportar, ao potenciar aquelas actividades que, sendo compatibles coa conservación da natureza, contribúen á mellora da calidade de vida e ao desenvolvemento do territorio galego.

8 de agosto de 2014 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.