publicidade hoxe

Culleredo presenta o seu primeiro campus de patinaxe inclusivo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredo
A-
A+

A patinaxe artística está de moda en Culleredo. Desde o nacemento fai 2 anos do club Aura, son moitos os veciños, nenos e adultos, que participan nas súas actividades, como festivais ou campus.

Agora en agosto terá lugar a segunda edición do campus de verán. E para rematar esta proliferación da patinaxe entre a cidadanía, o club e o Concello de Culleredo converteron no campus en inclusivo, de tal forma que acollerá a pequenos con diversidade funcional, procedentes de entidades sociais.

A presidenta do club Aura, Elisa López, a concelleira de Benestar Social, Lupe Pombo, e o edil de Deportes, Miguel Suárez, presentaron hoxe o campus, acompañados dos representantes das asociacións orixe destes pequenos. A presentación tivo lugar no centro municipal asociativo da Escada, inaugurado polo Concello este ano e onde desenvolven o seu labor estas entidades sociais.

O campus de patinaxe acollerá nenos das seguintes asociacións:

· Alcer Coruña (asociación para a loita contra as enfermidades do ril)

· Dismacor (asociación de pais de nenos e persoas con discapacidade das Mariñas Coruñesas)

· Mestura (asociación pola integración social das persoas inmigrantes)

· Anhida (asociación de persoas con déficit de atención, con ou sen hiperactividade)

A iniciativa ten como obxectivo promover a integración dos nenos destes colectivos desde unha perspectiva “normalizadora e inclusiva”, explicou Pombo. A edila destaca as vantaxes que teñen para estes nenos formar parte con total normalidade de actividades cotiás. A presidenta do club apuntou que co campus busca a “transmisión aos participantes dos valores propios do deporte non competitivo”. E dentro dos seus ideais encaixaba perfectamente aproveitar o campus como forma de defender a integración.

A sensibilización será outro dos puntos fortes da actividade. Cada xornada un representante dunha deste catro entidades sociais acudirá ao campus para explicar os pormenores do seu traballo aos participantes.

O concelleiro de Deportes encomiou o gran traballo que está a desenvolver Aura en Culleredo. Mostrouse “convencido” de que o deporte é un “medio idóneo” para propor experiencias integradoras como esta.

Inscrición no campus

O campus de patinaxe desenvolverase no polideportivo municipal do Burgo, entre o 25 e o 29 de agosto, en horario de 9.00 a 14.30. Colabora a Deputación da Coruña. Está dirixido a nenos e nenas desde os 3 anos de idade. O prazo de inscrición finaliza o próximo 15 de agosto.

4 de agosto de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.