publicidade hoxe

Comezan a traballar as brigadas municipais de loita contra incendios da Mancomunidade do Umia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortas
A-
A+
Cores Tourís na entrega de material

Cores Tourís na entrega de material

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Portas para comprobar o comezo da labor das brigadas municipais na Mancomunidade do Umia.

No acto estivo tamén presente o alcalde de Portas e presidente da Mancomunidade, Roberto Vázquez, así como os alcaldes de Moraña, Luisa Piñeiro, de Cuntis, Antonio Pena, e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rei. A maiores tamén estiveron presentes no acto, o xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

En total, traballarán na prevención e defensa do monte ante os incendios nestes catro concellos 40 persoas en 8 brigadas grazas a un convenio entre Mancomunidade e Consellería do Medio Rural e do Mar que supuxo un investimento por parte da administración autonómica e dos concellos de 217.476,96 euros. Contarán con oito vehículos, dos cales tres son de recente adquisición.

Estas brigadas xurdiron a raíz da colaboración entre a administración autonómica e local grazas a un convenio que permitiu a posta en marcha de equipos humanos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume. Deste xeito, puidéronse contratar brigadas de 5 persoas, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais foron subvencionados pola administración autonómica. Pola súa banda, os municipios comprometéronse, ademais, a limpar terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

En concreto, durante estes meses, as brigadas levarán a cabo rozas manuais, rareo e eliminación de restos nun mínimo de 40 hectáreas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención. Tamén executarán traballos de vixilancia e extinción que serán concretadas en todo momento polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.

As labores das brigadas executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito.

O delegado territorial animou aos brigadistas a levar a cabo a súa labor “coa maior das profesionalidades”, recordando a importancia da protección e coidado dos montes. “Cremos que a experiencia das brigadas municipais foi xa o ano pasado moi satisfactoria, xa que veu a demostrar que se fixo un traballo eficaz e rápido, en especial, a raíz de que os traballadores seleccionados eran veciños destes concellos e coñecían a zona, o que permitiu atallar máis rapidamente os focos”, explicou Cores Tourís, quen explicou que, en total, en Galicia traballarán máis de 500 brigadistas en 105 equipos.

Pola súa banda, o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, destacou que estas brigadas centrarán a súa labor en traballos de limpeza e prevención, “e ademais permitirán dar un desafogo económico as familias dos seleccionados que traballarán durante tres meses”.

Operativo de loita contra o lume

Estas brigadas viron a complementar os equipos previstos no operativo de loita contra o lume organizado baixo o mando único da Xunta de Galicia e recollido no Pladiga, e que conta, na provincia de Pontevedra, cos mesmos medios que o ano pasado: 23 brigadas de terra, 2 equipos helitransportados, persoal propio de empresas dedicadas a esta labor e 28 cuadrillas de operarios de empresas públicas.

Paralelamente a todo este equipo humano, dirixido por técnicos e axentes forestais, a Consellería de Medio Rural e do Mar tramitou dous convenios máis cos concellos da provincia de cara a mellorar a prevención e loita contra o lume.

Deste xeito, 21 concellos de Pontevedra sumáronse ao convenio de participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal. Esta iniciativa supuxo a limpeza de 3.200 quilómetros e conta cun orzamento de algo máis de 201.000 euros.

O segundo convenio céntrase na participación en prevención e defensa contra incendios forestais e está destinado aos 14 vehículos-motobomba da provincia. O obxectivo foi cubrir as necesidades económicas destes vehículos e dos seus operarios.

1 de agosto de 2014 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.