Comeza a demolición voluntaria dunha vivenda unifamiliar deshabitada na praia de Lobeira
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) vén de comprobar hoxe o inicio da demolición voluntaria dunha vivenda unifamiliar na praia de Lobeira, no Concello de Camariñas. Trátase dunha vivenda deshabitada con semisoto, planta baixa e baixo cuberta, sen licenza e sen autorización autonómica en zona de servidume de Costas.
Sobre este inmoble existe unha orde de demolición de data de 2003 que declara as obras como ilegalizables e ordena a súa demolición. Dita orde de demolición foi confirmada por unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con data de 2007 e unha inadmisión de casación con data de 2008.
Tras a imposición de varias multas coercitivas, que resultaron infrutuosas, a APLU acorda a execución subsidiaria da demolición a custa do afectado.
Tras a confirmación polo Xulgado do Contencioso da orde de execución subsidiaria, a APLU procede a realizar as actuacións materiais necesarias para proceder a execución forzosa, como a redacción e aprobación do proxecto, liquidación provisional do gasto, licitación e adxudicación da obra. Tras a oportuna autorización de entrada a APLU ía a proceder ao derrubo do inmoble no día de hoxe. Non obstante, o afectado procedeu á demolición voluntaria, coa conseguinte redución da repercusión de custes.
O afectado dispón do prazo dunha semana para realizar e acreditar a reposición da legalidade urbanística. A APLU volverá á zona para comprobar que a demolición se efectuou na súa totalidade.
Grazas a este tipo de medidas cúmprese o obxectivo final da Axencia, reparar o ilícito e servir de espello para situacións análogas, que axuden a evitar que se reproduzan, co que se busca acadar unha Galicia máis verde de respecto á normativa urbanística.