publicidade hoxe

Cervantes acollerá o III Encontro de Artesanía, Produtos Típicos e Arte Tradicional de San Román de Cervantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCervantesLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, presentaron este mércores o III Encontro de Artesanía, Produtos Típicos e Arte Tradicional de San Román, que se celebrará na localidade o vindeiro sábado, 9 de agosto, e co que a Deputación colabora un ano máis facendo unha achega de 3.000 euros para contribuír a financiar as actividades programadas co obxectivo de promocionar os oficios tradicionais e os produtos autóctonos da zona, dinamizando a economía local.

Nesta liña, a Vicepresidenta Segunda salientou que “no momento de crise que estamos a vivir é bo incentivar actividades coma esta, que ofrecen unha saída económica real ós veciños e produtores da zona”. Lara Méndez subliñou tamén que “establecer os produtos artesanais e tradicionais como fonte de ingresos e xeración de riqueza é un dos camiños nos que debemos traballar, para ofrecer alternativas de futuro ós lucenses, á vista da rica tradición artesanal da nosa provincia”.

Pola súa banda o rexedor cervantino, Benigno Gómez Tadín, agradeceu á Deputación a súa colaboración e convidou a todos os interesados a achegarse ó municipio, para gozar da riqueza paisaxística e cultural que ten Cervantes.

Programación da xornada

A Deputación de Lugo propón o traballo artesanal e os produtos tradicionais como un dos   camiños para xerar riqueza e, deste xeito, fixar poboación e frear o despoboamento do rural. Durante o III Encontro de Artesanía, Produtos Típicos e Arte Tradicional promocionaranse os produtos e a artesanía máis tradicional da rexión. O encontro dará comezo o sábado ás 11:00 horas coa apertura de portas do recinto do Polideportivo Municipal, onde haberá máis de 40 postos de artesanía e produtos típicos. Durante a xornada tamén están programadas actividades para os máis novos, abertos dende primeira hora da tarde. Durante a xornada terá un papel destacado a música, da man de Os Xardois, grupo tradicional da vila que amenizará o encontro durante a xornada.

Colaboración con Cervantes

Cervantes tamén acolleu hai uns días unha xuntanza dos Órganos de Xestión das Reservas da Biosfera, na que a Deputación daba conta de dous convenios importantes para ese municipio e a súa Comarca. Estes acordos, que se asinarán co Organismo Autónomo de Parques Nacionais e coa Xunta de Galicia, respectivamente; teñen por obxecto pór en valor a riqueza das Reservas da Biosfera e a etnografía do Concello de Cervantes e da Montaña luguesa.

6 de agosto de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.