publicidade hoxe

Centos de veciños de Touro coñecen a Casa de Cultura e o novo PAI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

Centos de veciños e veciñas de Touro coñeceron hoxe, domingo 10 de agosto, os recentemente acabados edificios da Casa de Cultura e o novo Punto de Atención á Infancia (PAI). O Goberno municipal organizou unha xornada de portas abertas para presentar aos habitantes de Touro as novas instalacións de servizos que pronto estarán á súa disposición. A xornada coincidiu coa XXII Festa da Terceira Idade, que reuniu a máis de 800 veciños maiores de 60 anos. Esta celebración tivo lugar nunha carpa instalada a poucos metros dos novos edificios, nunha área de servizos onde tamén está situada a piscina, cancha de tenis, residencia de maiores e área de autocaravanas.

A pesar da presenza da choiva, os veciños achegáronse a coñecer os novos edificios que estarán pronto á súa disposición. A empresa encargada do proxecto da Casa de Cultura xa entregou as chaves ao Concello de Touro, que á volta de agosto procederá a dotalo de mobiliario. A estrea oficial será en breve. Pola súa banda, o edificio do PAI, encostado á Casa de Cultura, tamén está finalizado. O Concello asegura que poderá estrearse co novo curso. Os veciños e veciñas que hoxe acudiron a ver as novas instalacións destacaron que con estas se cobren as necesidades dos habitantes de Touro.

O proxecto da Casa de Cultura de Touro iniciou este ano a súa última fase de construción. O investimento para esta última fase foi de 150.000 euros. A Xunta achegou un total de 75.000 euros, cantidade que foi dividida en dúas anualidades. En 2014 achegou 37.000 eurosOs traballos en 2014 consistiron na urbanización dos exteriores, nas instalacións eléctricas, de fontanaría e de ventilación, entre outras.

Pola súa banda, o edificio que alberga o novo Punto de Atención á Infancia (PAI) de Touro está encostado ao que dá cabida á Casa de Cultura de Touro. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar adxudicou a obra a inicios de ano. A construción do edificio requerió un investimento de 191.000 euros. O PAI comezará a funcionar e a recibir aos habitantes máis pequenos de Touro no curso 2014-2015. O novo edificio é de similares características á Casa de Cultura. Está dotado de todos os servizos para acoller a 20 nenos e nenas. Ten un total de 252 metros cadrados construídos en planta baixa. E constará dunha aula e un espazo de usos múltiples. Tamén contará cunha zona de descanso e un patio exterior cuberto.

10 de agosto de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.