publicidade hoxe

Celanova presenta o ‘I Festival Hércules Brass’ que se celebrará do 27 ao 30 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanovaLocal Portada
A-
A+
Xesús Vázquez na presentación do festival

Xesús Vázquez na presentación do festival

O titular Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na rolda de prensa da presentación do ‘I Festival Hércules Brass’ no que a Xunta colabora coa Fundación Curros Enríquez, coa Deputación de Ourense e co Concello de Celanova. Durante o acto, Vázquez Abad estivo acompañado do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández e do alcalde de Celanova, José Luis Ferro.

Entre os obxectivos do festival está ofertar clases maxistrais e concertos de música de cámara de grupos galegos, fomentar a cultura musical da rexión ourensá e ampliar e actualizar a formación teórica e práctica dos participantes. En resumo, o obxectivo final, tal e como afirmou o conselleiro de Cultura e Educación, é “poñer en valor as capacidades dos nosos músicos, especialmente dos máis novos, ao tempo que se oferta unha formación teórica e práctica de máxima calidade”. Ademais, tanto a entidade promotora, a asociación cultural Xingros, como as institucións colaboradoras, pretenden que o festival teña continuidade e que a cita se celebre cada ano, a finais do mes de agosto, mantendo sempre o nivel dos artistas nacionais e internacionais.

Do total das actividades que se levarán a cabo no Festival destacan os concertos de Marina Gundín e Francisco J. Galán, Hércules Brass Quintento e Enrique Crespo, o Quinteto Rubato ou a Banda de Música de Celanova entre outros. Ademais dos espectáculos musicais, ofértanse os cursos de metal e percusión: trompeta, trompa, trombón, tuba e percusión con profesores tan destacados como Rubén Simeó (solista internacional), Alfredo Varela (solista da Real Filharmonía de Galicia), Jon Etterbeek (solista da Orquesta Sinfónica de Galicia), Guillermo Collazo (colaborador Royal Concertgebouw Orchestra) ou Jesús Porta (solista NDR Sinfonieorchester). Cómpre recordar que O Barallete, Bruno Santos dará unha conferencia o vindeiro sábado 30 ás 18 horas.

A Consellería de Cultura e Educación cunha colaboración de 2.000 euros a esta iniciativa, reafirma o compromiso coas ensinanzas artísticas tal como quedou demostrado no marco da elaboración da LOMCE, onde se defende a importancia do ensino musical, así como na incorporación de cinco novas especialidades aos conservatorios superiores da rede galega.

Vázquez Abad quixo aproveitar esta ocasión para felicitar unha iniciativa “necesaria para dar visibilidade ao traballo de todos os profesionais que van pasar polo festival entre o 27 e o 30 de agosto” ademais de recordar que “só con ollar a porcentaxe de nomes galegos en cartel, podemos destacarnos do bo facer das galegas e galegos no eido profesional da música”.

‘Festival Hércules Brass’ está principalmente destinado tanto aos estudantes de música de todos os niveis como aos músicos profesionais ou público en xeral. O custe da matrícula oscila entre os 90 e os 180€ e para inscribirse pódese visitar o enlace www.herculesbrass.com ou solicitar información no teléfono 679 846 318 ou no correo electrónico info@herculesbrass.com.

12 de agosto de 2014 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.