publicidade hoxe

Celanova inaugura unha nova edición de ‘Danza 3’ protagonizada por Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCelanova
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugura este domingo 17 de agosto en Celanova unha nova edición de Danza 3, o programa de difusión do baile e a música tradicionais que desenvolve xunto ás agrupacións Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela, O Fiadeiro de Vigo e Xacarandaina da Coruña. O ciclo sairá ao encontro do público nas prazas e rúas dun total de nove localidades galegas a través doutras tantas actuacións especiais que terán lugar ata primeiros de outubro.

Baixo o lema ‘Folclore na rúa’, o obxectivo desta programación é transmitirlles aos cidadáns a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena. Para o desenvolvemento desta programación cóntase, así mesmo, coa colaboración dos concellos que acollen as diferentes representacións.

Calendario de actuacións

Cada un destes grupos de baile e música ofrecerá un total de tres funcións no marco do ciclo, que dará comezo o domingo, ás 20.30 horas, na Praza Maior de Celanova coa actuación do Fiadeiro. As próximas citas da agrupación viguesa serán en setembro en Xinzo de Limia e xa en outubro, en Cerdedo. Pola súa banda, Xacarandaina presentarase en Noia o día 23, en Xove o 24 e en Sada o 30 de agosto, mentres que Cantigas e Agarimos estará o 30 de agosto en Rianxo e conta con dúas datas máis en setembro (Marín) e outubro (Lourenzá).

En cada unha destas citas, as agrupacións exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada un destes espectáculos será único, espontáneo e persoal.

Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina veñen colaborando desde hai unha década en distintas entregas de Danza 3 co apoio de diferentes administracións públicas. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que constrúen experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuíndo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial. Neste sentido, e unidas como colectivo baixo as siglas XOC, son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

14 de agosto de 2014 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.