publicidade hoxe

As obras de mellora da travesía da Pobra de San Xiao en Láncara son licitadas por 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLocal PortadaLugo
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Láncara

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Láncara

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe as obras de mellora da travesía da Pobra de San Xiao, no Concello lucense de Láncara, que contarán cun orzamento de case 500.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se licitan estas obras, e da que a a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, xa informou ao alcalde desta vila, Eladio Capón, no transcurso dunha reunión.

Vázquez trasladoulle ao rexedor municipal que coa execución desta acción licitada hoxe acadarase unha travesía cunha mellor funcionalidade para os habitantes de A Pobra de San Xiao. Coas obras será necesario repoñer e, polo tanto, actualizar os servizos do ámbito de actuación.

A previsión do departamento que dirixe Ethel Vázquez é adxudicar as obras en 2014 e comezalas no primeiro trimestre do ano 2015, dado que contan cun prazo de execución de seis meses, estas poderán estar rematadas dentro dese mesmo ano. Así mesmo, cabe sinalar que a ocupación da obra non excede os actuais límites do dominio público da travesía, polo que non é necesario levar a cabo expropiación algunha.

Actuacións

A obra contempla a reposición de beirarrúas entre os puntos quilométricos 0 e 0+600 da LU-621; onde se levará a cabo a reposición do alumeado público e das redes de saneamento, pluviais e abastecemento; e rehabilitación do firme mediante a extensión dunha nova capa de rodadura e sinalización.

En canto a firmes e pavimentos, procederase a demoler e repoñer as beirarrúas existentes en ámbalas dúas marxes.Estarán rematadas con baldosa cadrada de cores branco e vermello (dispostas segundo modelo municipal), sobre capas de zahorra e formigón. As beirarrúas remataranse cun bordo de formigón macizo, montado sobre formigón e morteiro de asento e finalmente rexuntado. Entre beirarrúa e calzada executarase unha cuneta de formigón de 30 centímetros de ancho. Finalmente, dispoñerase unha capa de aglomerado logo da extensión dun rego de adherencia.

Abastecemento e saneamento

En relación ao abastecemento, repoñerase na marxe esquerda da rúa entre os p.k.s 0 +100 e 0 + 300 cunha canalización de tubaria, incluíndo as acometidas domiciliarias a vivendas e parcelas e chaves de paso, todas elas protexidas en arquetas de formigón. Complementarase a rede con dúas bocas de rego/incendios.

En canto á rede de saneamento, tamén se renovará o servizo existente cunha canalización de tubaria, completada con pozos de rexistro, acometidas a soares e vivendas. O mesmo sucederá coa rede existente de augas pluviais, que se substituirá por tubo neste caso de 315 mm de diámetro, con pozos e sumidoiros de formigón, incluído cada un deles unha reixa.

Finalmente, a reposición do servizo de iluminación pública leva consigo a desmontaxe da liña e a retirada dos postes existentes, a colocación de novos puntos de luz.

29 de agosto de 2014 | 13:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.