publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As análises realizadas no río Tea conclúen que a situación actual é de práctica recuperación ecolóxica

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou esta mañá que a Xunta manterá análises periódicas para garantir a recuperación total das especies que habitan no río Tea, e que indiquen o momento propicio para realizar soltas programadas de exemplares coas que acelerar a repoboación natural daquelas especies máis afectadas. Engadiu que estas futuras análises determinarán a súa idoneidade, que se prevé que sexa no mes de setembro.

A conselleira trasladoulle esta mañá o contido do informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ao alcalde de Mondariz, Julio Alén, que revela que “estamos ante unha situación de práctica recuperación ecolóxica”, xa que os niveis de ph xa volveron á normalidade a principios de semana, polo que o río podería recuperarse sen ningún tipo de medida. Non obstante, dende a Consellería desenvolveranse accións de recuperación citadas anteriormente, así como manter a veda neste treito de case 3 quilómetros ata a tempada de pesca de 2015.

Durante a inspección á zona do vertido, na que a conselleira estivo acompañada polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís, e directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, tamén indicou que se lle solicitou á empresa que tome medidas preventivas para que este tipo de vertidos non se volvan a rexistrar e das que deberá informar á Dirección Xeral de Conservación.

Ethel Vázquez resumiu que as análises conclúen que o efecto da vertedura sobre as augas foi puntual cunha afección cuantitativa que reduciu o número de individuos, pero que non chegaron a desaparecer nin a estar gravemente afectados. Explicou que o estudo das comunidades de invertebrados, o método máis amplamente empregado para avaliar o estado ecolóxico das augas, e os índices calculados amosan valores nos que apenas se aprecia variación entre o treito afectado e os treitos non afectados.

Pola contra si se detectou unha diminución nas especies máis sensibles, pero en ningún caso chegaron a desaparecer, e tampouco se detectou afección á vexetación acuática da zona. O maior dano produciuse nas especies piscícolas, ao rexistrase a morte de numerosos exemplares.

Coordinación e colaboración

Vázquez Mourelle salientou a dilixencia coa que se actuou neste suceso, xa que desde que se tivo coñecemento da vertedura de sosa cáustica, os técnicos da Consellería achegáronse á zona para avaliar o efecto do vertido e colaborar e traballar en coordinación con todas as Administracións con competencias na materia.

A Consellería tomou mostras para a análise dos parámetros fisico- químicos o día do vertido, recolléronse exemplares de peixes mortos, fixéronse medicións e conteos, e análises de fauna invertebrada que foron trasladados aos Laboratorios de Medio Ambiente de Galicia, cuxos técnicos que tamén realizaron estas análises o máis rápido posible co que se permitiu avaliar a situación en menos dunha semana.

9 de agosto de 2014 | 11:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.