publicidade hoxe

Agolada acolle a XVIII Feira de Artesanía e unha poxa de maquinaria agrícola na que se venderon máis de 700 lotes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á Mostra de Artesanía en Agolada

Cores Tourís na visita á Mostra de Artesanía en Agolada

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Agolada para comprobar o desenvolvemento da XVIII Mostra de Artesanía que pecha hoxe as súas portas.

O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, así como polos alcaldes de Agolada, Ramiro Varela, de Lalín, Xosé Crespo e de Rodeiro, Luis López Diéguez, ademais dos xefes territoriais de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, e Industria, Ignacio Rial.

A XVIII Feira da Artesanía arrancou o pasado día 10 e remata hoxe, tras contar cunha numerosa afluencia de visitantes. “O obxectivo desta iniciativa”, explicou o alcalde de Agolada, é dar a coñecer o noso Patrimonio Histórico, os oficios tradicionais e promover un mercado de futuro entre os artesáns galegos”.

Cores Tourís aproveitou a visita para coñecer os 40 stands instalados nesta feira, a maioría chegados dende tódolos puntos de Galicia e de Asturias. Tamén quixo coñecer a poxa de maquinaria agrícola que se celebrou este ano por primeira vez.

A poxa, que se celebrou no antigo mercado de gando da localidade, que conta con máis de 8.000 metros cadrados, foi cualificada tanto polo delegado territorial como polo alcalde de Agolada como de “todo un éxito”, xa que foron centenares os visitantes que, desde diferentes lugares de Pontevedra, Lugo e A Coruña, se acercaron para coñecer esta iniciativa ou comprar algún produto. “Ata 700 lotes de diferentes tipos de maquinaria agrícola pesada vendéronse esta mañá na poxa”, explicou.

Tal foi o éxito acadado que Ramiro Varela asegurou ao seu remate que están a pensar en repetir a experiencia, “que podería celebrarse incluso ata tres veces ao ano”.

“Non podemos esquecer que precisamente Agolada é un lugar estratéxico arredor do sector primario, moi cerca do quilómetro cero de Galicia que é Lalín, e situado xunto as provincias de A Coruña e Lugo. En todos os concellos limítrofes a principal actividade da poboación é o campo e a gandería, polo que unha iniciativa coma esta da poxa de maquinaria agrícola ten que ser, sen dúbida, todo un éxito”, explicou Cores Tourís.

Desde o pasado domingo, na XVIII Mostra de Artesanía de Agolada, celebráronse exposicións e actividades en vivo, así como obradoiros demostrativos e participativos, tanto de palillos como de marroquinería, cestaría, macramé, traballos en xunco, reciclaxe, talla en madeira con torno de pedal, sombreiros de palla, bixuterías e complementos bordados.

“Os visitantes tamén puideron descubrir a docería e licores máis artesáns, así como as cremas e produtos elaborados con flores e plantas, ou derivados do viño”, engadiu pola súa banda Ramiro Varela, quen mostrou a súa satisfacción polo elevado número de visitantes con que contou a Mostra este ano. “Está a ser todo un éxito”, engadiu.

A mostra completouse con exposicións de pintura e antigüidades, música e baile tradicional, regueifas e a celebración do tradicional certame de bandas de música. Tamén os máis pequenos puideron gozar da festa con monicreques e contacontos. “Máis de 150 nenos participaron nestas actividades ao longo destes días”, explicou o alcalde de Agolada, quen rematou destacando que a Romaría Medieval permitiu que moitas persoas vestidas á antiga usanza “puideran degustar torresmos con pan de millo, viño e queimada”.

12 de agosto de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.