publicidade hoxe

A XIX Feira da Rosca de Sober contará coa participación de 17 artesáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSober
A-
A+

cartel-rosca-soberO Goberno local do Concello de Sober deu a coñecer hoxe o programa da XIX Feira da Rosca e outros produtos da Ribeira Sacra na que este ano van participar 17 artesáns. En concreto, haberá cinco rosqueiros, dous oleiros de Gundivós, un posto de mel, tres panadeiros, dúas queixerías, un vendedor de castañas do Caurel e tres postos de artesanía da Ribeira Sacra.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, ofreceu hoxe unha rolda de prensa acompañado polos rosqueiros na que se deu a coñecer o programa festivo no que colabora a Xunta de Galicia, a vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e Queixerías Prado, de Monforte.

A apertura dos stands levarase a cabo o luns día 11 ás 21:00 horas. Á mesma hora inaugurarase a carpa informativa Xplora Xuventude. Ás 22:30 horas haberá un espectáculo Queimada Folk co Grupo Ni fu ni fa Animación. Ás 23:00 horas levarase a cabo unha degustación gratuíta de rosca con licor café.

Día 12

O día 12 a festa comeza ás 10:00 da maña co disparo de bombas de palenque. Ás 10:15 farase a apertura oficial dos postos. Ás 11 será a quenda da actuación do grupo tradicional Merenzao, ao que seguirá ás 12:00 horas a actuación do grupo de baile e música tradicional Brincadeira.

Á unha do mediodía, como cada ano, haberá unha degustación gratuíta de 1.000 racións de rosca con queixo por xentileza de Queixerías Prado. Ás 13:30 tocará de novo o grupo Merenzao.

O cartel anunciador da XIX Festa da Rosca foi obra do artista local Humberto Loureiro, a quen o Goberno local lle agradece a súa colaboración.

O rexedor, Luis Fernández Guitián, animou a todos os veciños e veciñas e visitantes a participar nunha celebración “que xa se ten convertido nun dos referentes festivos do verán na Ribeira Sacra”.

5 de agosto de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.