publicidade hoxe

A mellora da eficiencia enerxética en Caldas de Reis contará cun investimento de 60.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita a Caldas

Cores Tourís na visita a Caldas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Caldas para analizar as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizarán grazas a nova liña de axudas que acaba de facer pública a Consellería de Economía e Industria.

Na visita o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como do portavoz do PP en Caldas, Jesús Goldar.

José Manuel Cores Tourís destacou os 60.000 euros de investimento que se destinarán a obras de mellora enerxética no concello de Caldas e dos que 51.000 corresponderán a subvención aportada pola Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Enerxético de Galicia.

“En concreto, no lugar de San Roque cambiaranse 65 puntos de luz LED, e no de Doña Urraca, outros 51 puntos de luz LED máis”, explicou o delegado territorial, que matizou que, deste xeito, “en total mudaranse 116 puntos de luz en todo o municipio”.

O responsable da Xunta en Pontevedra tamén destacou que estas obras permitirán reducir o consumo e o fluxo luminoso un 50% durante dez horas ao día aproximadamente. “Con esta medida aforraranse no municipio de Caldas case 12.000 euros ao ano, conseguindo un aforro enerxético de 77.427 kWh ao ano e reducindo en 50,33 toneladas ao ano as emisións de CO2, o que equivale a 2.517 árbores plantados”, aclarou o delegado territorial.

Cores Tourís tamén recordou que no total desta agrupación se están a executar melloras en 14 instalacións e 978 puntos de luz, “o que permitirá aforrar case 410 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 20.465 árbores plantados”. Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, estas obras permitirán aforrar 630.000 kWH ao ano o que se traduce nun aforro económico estimado de case 96.500 euros en 12 meses.

Os concellos beneficiados por estas axudas son os de Vilagarcía de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontecesures, Meis, Meaño, Ribadumia, Poio e Sanxenxo. Todos eles levarán a cabo actuacións de cambio de puntos de luz por novos equipos Led, o que suporá un investimento no total dos municipios de 538.000 euros, dos cales 457.000 serán subvencionados pola Consellería de Economía e Industria.

“A Xunta de Galicia, na procura de medidas de aforro e eficiencia enerxética a nivel local prestando apoio económico aos concellos galegos, vén de resolver unha nova convocatoria da liña para a renovación da iluminación pública exterior”, explicou Cores Tourís, engadindo que neste sentido, 32 concellos da provincia de Pontevedra, téñense beneficiado xa dun programa que lles permite instalar equipos máis eficientes que reducen ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas.

A Xunta de Galicia destinou este ano 4,5 millóns de euros a este programa de iluminación exterior do Inega, un 15% máis que na anterior convocatoria, “dos cales 1,3 corresponden a provincia de Pontevedra, onde se promoveron 6 proxectos de agrupacións municipais de ata 9 municipios”, explicou Cores Tourís. Neste contexto, cómpre salientar que a liña promoveu, unha vez máis, este tipo de proxectos colaborativos, que viron incrementada a contía da axuda ata o 85%, fomentándose así a cooperación institucional e diminuíndo os custos de execución.

“A través desta actuación contribuímos ao aforro enerxético dos concellos nunha das súas partidas máis destacables, tendo en conta que a iluminación pública supón, de media, case o 80% do consumo eléctrico dun municipio”, explicou Cores Tourís. Así, a convocatoria deste ano permitirá acadar un aforro anual conxunto de máis de 1 millón de euros a nivel galego. Ademais, obterase un aforro enerxético de 6,6 millóns de kWh/ano, o equivalente ao consumo anual dunhas 2.000 familias, ao tempo que se evita a emisión á atmosfera de 4.500 toneladas de CO2, o equivalente a plantar 217.000 árbores.

Desde o 2009, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diversos programas de actuación que promoven un uso racional da enerxía entre a cidadanía, as empresas, e a propia administración, cun investimento superior aos 70 millóns de euros.

Mellora competitiva da industria

O delegado territorial aproveitou a visita a Caldas para recordar que neste marco de aposta polo aforro e a eficiencia enerxética, acaba de publicarse no DOG a convocatoria dirixida á industria, en concreto a empresas e autónomos, e que prevé a mobilización de investimentos de 6 millóns.

“Con este programa perseguimos reducir os consumos nos sectores industrial e de servizos, que en Galicia representan o 45% e o 9% do consumo de enerxía final, respectivamente”, matizou José Manuel Cores Tourís, recordando que a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores, coa posta en marcha das medidas impulsadas, chega ata o 15% no sector industrial, e ao 30% no sector servizos.

26 de agosto de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.