publicidade hoxe

A IX Feira do Viño de Monterrei supera as expectativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+

A Feira do Viño de Monterrei, na súa novena edición, supera as expectativas da organización contabilizando a cifra de 15.000 degustacións servidas durante o fin de semana, no que supón un incremento do 40% respecto a 2013.

Monterrei pecha con éxito a novena edición da súa feira, grazas ao respaldo do público que durante o pasado fin de semana acudiu á praza da Mercé de Verín, para coñecer a última colleita 2013 das adegas de Monterrei así como para participar no programa de actividades da feira que este ano incluíu novidades.

Tras a inauguración oficial presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e á que asistiron personalidades destacadas do mundo político e empresarial como, o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, entre outros, daba comezo a cerimonia de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei. No acto, celebrado na Igrexa da Mercé ao que asistiron máis de duascentas persoas, o Confrade Maior dos Viños de Monterrei, Alberto Núñez Feijóo, impuxo medallas a Felisindo Prieto Arcos e Ángel Salgado Vilela, ambos os dous viticultores da denominación, e as medallas de confrade de honra a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, e á directora da Axencia Turismo de Galicia Nava Castro. Os novos confrades brindaron no seu discurso o compromiso de defensa dos viños de Monterrei, avalado tamén por de Alberto Núñez Feijóo que aproveitou a súa intervención para anunciar a solicitude que cursará ao Goberno central para manter unha “taxa 0” de imposición fiscal para o viño, dentro do marco do novo antreproxecto de lei de prevención de consumo de alcohol; dando resposta así á petición conxunto dos presidentes dos consellos reguladores de viño de Galicia, da que ademais se fixo eco o presidente do CRDO Monterrei, Antonio Ángel Méndez Atanes, no discurso inaugural da feira.

O sábado iniciábase o programa de música a pé de feira, que a través de propostas diferenciadas conseguiu reunir no recinto a diferentes perfís de público. Na xornada matinal era a quenda do folk co quinteto Troque e pola noite desenvolveuse unha actividade dirixida aos máis novos, coa actuación da DJ de Fun Radio, Saray Díaz, e Gramola, ao tempo que facía a súa entrada na praza a coctelería acrobática que presentou catro combinados co viño como base. O respaldo foi absoluto, rexistrando unha alta participación de público novo que permaneceu na feira ata as 00.00 h. para continuar coa música na praza García Barbón, grazas ás actuacións de Efecto Mariposa e Fernandisco.

O domingo a feira volveu rexistrar unha elevada participación. A pesar da chuvia, o público acompañou aos dez bodegueiros expositores ata a clausura do evento, con predominio nesta xornada ademais dos nenos da casa, grazas á actividade de animación na que participaron zancudos e pallasos, e onde se desenvolveu unha exhibición de globoflexia.

Na antesala do seu décimo aniversario, a feira do Viño de Monterrei mostra a súa satisfacción ante unha edición exitosa na que ademais cabe destacar a importante afluencia de grupos, e aspira a mellorar a cifras o próximo ano no que formulará novidades e unha programación especial. Esta feira foi organizada polo Concello de Verín conxuntamente co Consello Regulador da D.O. Monterrei, contando coa colaboración de Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín AECT e o Concello de Vilardevós.

14 de agosto de 2014 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.