publicidade hoxe

A Deputación de Lugo leva este venres a Guitiriz as actividades gratuítas do Lugoteando

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuitirizLugo
A-
A+

A Deputación leva este venres a Guitiriz as actividades gratuítas, lúdico-deportivas e para todos os públicos do Lugoteando. Faino tras o éxito que esta programación acadou en Burela, O Valadouro, O Inicio e A Pobra do Brollón, coa participación de 350 persoas. No municipio guitiricense, a institución ofrece outras 100 prazas a custe cero. A solicitude xa está aberta en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147. Só no caso de quedaren prazas libres, os interesados poderán inscribirse antes de comezar as actividades, no propio lugar onde se celebren. Non obstante, terán prioridade as persoas anotadas previamente.

A praia fluvial de Parga será o espazo encargado de acoller o venres, de 15:00 a 20:00 horas, as seguintes actividades de lecer, totalmente respectuosas co entorno:

– acuáticas: paddle-surf, que tonifica todos os músculos, xa que para desprazarse pola auga, o navegante, erguido nunha táboa de surf, debe remar; e bolas acuáticas, pelotas de plástico transparentes coas que camiñar sobre a auga.

– terrestres: patinetes, inchables ou gyroboard, un monopatín estático co que realizar diversos xiros e manobras.

Máis prazas

O complexo da Magdalena, no Concello de Vilalba, converterase, o venres 5 de setembro, en capital do lecer ecolóxico, coa chegada das actividades gratuítas do Lugoteando da Deputación. Outras 100 persoas de todas as idades poderán gozar dunha ampla oferta de actividades terrestres e acuáticas, que terán lugar de 15:00 a 20:00 horas, no espazo fluvial da vila chairega. A inscrición xa está aberta en www.deputacionlugo.gal e no 982-260-147. Nas mesmas canles, tamén está aberta a solicitude doutras 300 prazas para as actividade do Lugoteando que a Deputación leva á Praza do Concello da Fonsagrada, o 7 de setembro, e á área recreativa dos Robles, os días 6 e 7 de setembro.

Deste xeito, a Deputación achega o Lugoteando a todas as zonas da provincia (Sur, centro, Costa e Montaña), sendo, no seu conxunto, un total de 800 prazas ofertadas a custe cero. Esta é a 5º edición desta programación, coa que a institución aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando potencia o ocio medioambiental e o turismo, ó tempo que contribúe a impulsar negocios lucenses de diferentes sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.

26 de agosto de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.