publicidade hoxe

A Deputación da Coruña concede 74.000 euros á Casa da Cultura de Cee para a súa posta en funcionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCee
A-
A+

O presidente da Deputación, Diego Calvo, firmou hoxe un novo convenio de colaboración coa alcaldesa de Cee, Zaira Rodríguez, para permitir a apertura da Casa de Cultura do Concello.

Trátase dunha nova achega, de 73.901,51 euros, que forma parte da segunda fase do proxecto e que permitirá financiar o 100% das obras de acondicionamento interior e a instalación dun sistema contraincendios, para adaptar o edificio á normativa de emerxencias. O acordo inclúe a posta en funcionamento da climatización interior do auditorio, a iluminación, carpintería e pintura da sala de exposicións e outras actuacións no escenario como son a electricidade, maquinaria escénica, o sistema de son ou a instalación do pano, ademais da adecuación do camerinos.

En xullo ambas partes xa firmaron outro acordo por valor de 84.579 euros para o equipamento do auditorio e, nunha primeira fase, o ente provincial asumiu a compra e instalación do escenario, a reforma da planta baixa e o acondicionamento da sala de exposicións, entre outros traballos por valor de 165.000 euros. Polo tanto, a contribución da Deputación chega xa aos 324.000 euros.

Así, a alcaldesa, Zaira Rodríguez, agradeceu “a colaboración da Deputación con este proxecto que levaba 16 anos esperando para saír adiante”. “Con este novo convenio xa se poderá abrir a Casa da Cultura de Cee”, declarou a portavoz local agradecendo o compromiso de Diego Calvo.

Pola súa banda, Calvo sinalou que a entidade provincial tiña a “responsabilidade” de investir  neste edificio que “dará servizo non só a Cee, senón a toda a comarca”: “Espero que nuns meses poidamos gozar das súas instalacións”.

A Casa de Cultura de Cee alcanza os 3.000 metros cadrados útiles e ten un auditorio con capacidade para 500 persoas e un escenario de 140 metros cadrados. 

14 de agosto de 2014 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.