publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A campaña de fidelización ‘Máis que comercio!’ chega a Chantada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentou hoxe en Chantada a campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!. Esta campaña, que se desenvolverá durante este mes de agosto no centro comercial aberto da localidade, busca “impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes”, segundo asegurou Arias.

As persoas que merquen nos comercios asociados ao CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5 euros de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com.

Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, os interesados poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 euros en cada CCA para mercar no comercio local. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

Arias expuxo que esta iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, percorre os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, “co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade”.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a delegada, que estivo acompañada polo presidente do CCA de Chantada, Eduardo Rojina, e por responsables do mesmo, “destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos”. Con referencia a esta fórmula de asociacionismo, Arias sinalou que permite “o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade”.

Lembrou Arias que a potenciación do comercio de proximidade e o impulso ao asociacionismo son “uns dos eixos da estratexia específica da Xunta para o apoio ao sector”. Dentro desta estratexia, aprobouse ao longo do presente ano a financiación de actuacións no eido comercial de Chantada por valor de máis de 151.000 euros, dos cales 38.442 euros foron destinados directamente ao centro comercial chantadino a través do programa de axudas ás asociacións de comerciantes.

1 de agosto de 2014 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.