publicidade hoxe

A asociación de catadores Gallaecia avalía 175 viños Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cata de viños Rías Baixas

Cata de viños Rías Baixas

O Pazo de Mugartegui acolleu esta mañá a última das catas que a Asociación de Catadoras Gallaecia desenvolveu en cada unha das denominacións de orixe galegas para seleccionar aos Distinguidos Gallaecia no que se converteu no concurso galego de viños con máis participación, con máis de 500 mostras a concurso. “Esta edición foi un record absoluto en canto a marcas participantes, no caso do D.O. Rías Baixas foron un total de 175 viños de elaboracións e anadas diferentes, desde 2007 en diante, aínda que loxicamente cun gran peso de elaboracións correspondentes ao 2012 e 2013”, explicou o presidente de Gallaecia, Luís Paadín.

Un total de 19 profesionais, entre restauradores, catadores, enólogos, distribuidores e adegueiros, integraron os tres panales de cata encargados de avaliar as mostras a concurso. Das súas puntuacións de hoxe, xunto coas das catas realizadas nos restantes D.O. galegas, seleccionaranse os viños mellor puntuados, que serán os que pasen á cata final, que terá lugar a primeira semana de setembro en Pontevedra e da que sairán os premios Gallaecia 2014.

Aínda que a maioría dos viños Rías Baixas catados esta mañá na sede do Consello Regulador foron brancos, os expertos tamén puideron avaliar 8 tintos e 8 espumosos, cinco máis que na edición anterior. O tesoureiro desta asociación profesional, Pedro Sestayo, comentaba que “nos estamos atopando con viños moi correctos, moi ben elaborados nos que predominan os toques florais e froiteiros e nos que seguen sorprendendo a gran evolución que demostran co paso dos anos. As elaboracións de anteriores anadas que estamos a probar envelleceron moi ben, o que nos dá maior versatilidade para seguir gozándoos”. Sestayo destacou tamén que nunha anada tan complicada como o foi a de 2013 “estamos a ver o gran traballo levado a cabo en adega para conseguir un produto final ben elaborado”.

Como vén sendo habitual nestes anos, o Órgano de Certificación e Control do Consello Regulador púxose a disposición de Gallaecia para resolver todas aquelas cuestións técnicas xurdidas durante a cata cega.

12 de agosto de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.