publicidade hoxe

A área recreativa dos Pasos vibrou coa Festa da Xuventude de Frades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Centos de xóvenes participaron na Festa da Xuventude 2014 do Concello de Frades, que inundou de diversión a área recreativa dos Pasos, situada nunha carballeira a carón do río Tambre na parroquia de Aiazo. Durante a xornada, compartiron unha churrascada e numerosos xogos nunha xincana de competición por grupos.

A participación nesta festa foi de balde para todos os xóvenes empadroados no municipio de Frades que se inscribiran previamente. Despois do xantar, nos amplos merendeiros da área recreativa, comezaron as actuacións musicais e as probas da xincana. Os participantes tiveron que demostrar a súa destreza superando obstáculos como estadas, campos de neumáticos ou balas de palla escalables. E non faltaron tampouco as competicións na auga, aproveitando o caudal do Tambre, con retos como atravesalo en botes inchables ou camiñar sobre un madeiro húmido e esvaradizo tratando de non caer no río.

Para relaxarse despois da xincana e para quen optaron por ser espectadores das probas, a Festa da Xuventude contou tamén con actuacións de DJs. O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosouse moi satisfeito co desenvolvemento desta cita festiva e agradeceu “a elevada participación e implicación dos máis novos en todas as actividades que programamos para a xornada”.

27 de agosto de 2014 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.