publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feridas dúas persoas con diversas queimaduras tras incendiarse unha casa e un muíño no concello de Abadín en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaAbadínLocal PortadaLugoPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

Dúas persoas, un home e unha moza, resultaron feridas con queimaduras de diversa consideración tras incendiarse unha vivenda e un muíño anexo situado na localidade de Abadín, en Lugo, segundo informan os servizos de Emerxencias.

   O lume iniciouse arredor das 05.00 horas da madrugada, nunha casa de dúas plantas situada no lugar da Ponte, en Aldixe, no termo municipal de Abadín. Un particular alertou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda dos servizos de Emerxencias e alertouse a efectivos de Bombeiros de Vilalba, aos servizos sanitarios de Urxencia e á Garda Civil.

   Segundo indicaron os bombeiros ao 112, ardeu o primeiro piso da vivenda e un muíño resultou completamente calcinado. Ademais, producíronse varias explosións que provocaron unha alta concentración de gas, debido á existencia de bombonas na casa.

   A pesar de que o lume xa está controlado, efectivos do parque comarcal continúan traballando no lugar dos feitos, realizando labores de desentullo e arrefriamento. De momento descoñécense as causas que iniciaron as lapas.

   O home, de mediana idade, foi trasladado ao Hospital da Coruña con prognóstico grave, mentres que a moza, duns 17 anos, foi trasladada ao HULA con queimaduras menos importantes.

21 de agosto de 2014 | 10:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.