publicidade hoxe

“Xocas” érguese como emblema da Ourensanía na homenaxe polo 25º cabodano do etnógrafo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Manuel Baltar na homenaxe a Xocas

Manuel Baltar na homenaxe a Xocas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na homenaxe que se lle rendeu ao etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo “Xocas” con motivo do seu 25º cabodano, que Xocas foi “un insigne emblema da Ourensanía e un faro e testemuña do que significa amar á nosa terra”. O acto, organizado polo Museo do Pobo Galego diante da tumba de Xocas no cemiterio de San Francisco (Ourense), contou coa presenza de Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; Francisco Fariña Busto, presidente da xunta reitora do Museo; Miguel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Xesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Rogelio Martínez, delegado da Xunta en Ourense, ademais de persoeiros dos ámbitos culturais e sociais.

O presidente do goberno ourensán, ao igual que fixo Justo Beramendi, destacou que Xocas “foi un dos bos e xenerosos”, “pois a súa traxectoria vital e profesional levouno a ser, non só un referente dos estudos etnográficos de Ourense e Galicia, senón tamén un exemplo de amor, pertenza e defensa do noso, algo que temos a obriga de seguir mantendo pois o seu enorme legado permitiu botar luz sobre os aspectos básicos da cultura e da historia da nosa terra”.

Baltar dixo que en 2014 cúmprense 25 anos do pasamento de Xocas, 35 do de Eduardo Blanco Amor e 250 do Padre Feijoo, “datas e persoeiros que temos que ter en conta porque eles son parte da nosa alma, e as súas achegas marcan camiño e deixan pegadas indelebles”.

Tamén neste senso afondou Beramendi ao referir que Xocas “foi unha ponte entre a Xeración Nós e a nosa, un home que se caracterizou pola súa bondade, xenerosidade e amor a Galicia”, e engadiu que Xocas “superou e resistiu a represión ao galeguismo cunha ética cívica que soubo transmitir ás seguintes xeracións, sendo a súa última achega de sacrificio e amor por Galicia a asunción da Presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego”.

Finalmente, Xesús Vázquez destacou que este acto de hoxe “é de recoñecemento e xustiza para un ilustre dos nosos que deixou unha pegada que se agranda no tempo porque seu espírito está con nós”.

Para a Deputación de Ourense a figura de Xaquín Lourenzo ten unha fonda relevancia xa que grazas a el hoxe temos un coñecemento máis amplo da realidade etnográfica da provincia de Ourense. Esa relación de Xocas coa institución provincial ten a súa continuidade a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, que naceu a partires dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense, constituíndose como tal centro en 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao insigne etnógrafo ourensán. Este centro ten coma obxectivo promocionar actividades encamiñadas a recuperar, conservar e espallar a cultura do noso pobo.

Xaquín Lorenzo foi merecente de recoñecementos oficiais como o Premio Otero Pedrayo (1982), que outorgan as catro deputacións galegas; foi nomeado Fillo Predilecto da provincia de Ourense (1983) pola Deputación de Ourense, e recibiu tamén a Medalla Castelao (1984).

20 de xullo de 2014 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.