publicidade hoxe

Vinte xóvenes participan no campo de traballo medioambiental na Peroxa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PeroxaOurense
A-
A+
Rogelio Martínez na visita ao campo de traballo na Peroxa

Rogelio Martínez na visita ao campo de traballo na Peroxa

Un total de 20 mozos e mozas participan dende principios de mes no campo de traballo da localidade ourensá da Peroxa que programa actividades de ocio e educación non formal. A iniciativa ten carácter internacional polo que participan non só mozos e mozas galegos, senón tamén de fóra de España, concretamente de Moscova, Francia e Italia.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, visitou esta mañá ao grupo de mozos e mozas que están a participar nesta actividade. A visita tamén contou coa presenza do alcalde do municipio, Manuel Seoane.

O campo estase a desenvolver seguindo dous eixos de traballo, o medioambiental e o social. Así, os participantes colaboran na conservación e mellora dos contornos onde se sitúa o campo de traballo e a dinamización das residencias de maiores e centro de día da asociación Morea. Ademais, como actividades complementarias, os mozos e mozas participan en obradoiros de barro e cestería, sendeirismo, excursións pola zona e veladas nocturnas.

Rogelio Martínez quixo destacar que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade”. Martínez engadiu ademais que “un punto a ter moi en conta destas actividades é que se tratan de accións voluntarias, que os mozos realizan de forma altruísta e solidaria, poñendo deste xeito o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade”.

Na provincia desenvolveranse 5 campos de traballo, cun total de 105 prazas, 15 máis das ofertadas en 2013. Os campos tratarán diferentes temáticas: ademais do medioambiental e social que se está a levar a cabo na Peroxa, tamén haberá outros deste tipo en Riós e Muíños; un de bioconstrución e autoconstrución nas Corcerizas, en Vilar de Barrio; e audiovisual en Celanova.

En todo Galicia ofértanse un total de 649 prazas, das que 249 son de envío a outras comunidades autónomas e a outros países, e 400 de acollida, nos campos que organiza a nosa comunidade.

Campaña de verán 2014

Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2014 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Esta campaña é a máis importante, en número de prazas ofrecidas, a nivel de todo o Estado. En total, son 8.266 prazas as que se van ofrecer aos mozos. Esta cifra significa un incremento dun 2,7% con respecto ás que se ofertaron o ano pasado.

A campaña de verán, ademais destes campos, inclúe albergues e campamentos e actividades de ocio e tempo libre. O seu orzamento é de 2,3 millóns de euros.

9 de xullo de 2014 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.