publicidade hoxe

Vilalba acolle unha nova xuntanza dos veciños coa Deputación para elaborar os orzamentos participativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoVilalba
A-
A+

As xuntanzas que organiza a Deputación de Lugo por toda a provincia para recoller as propostas e opinións dos veciños de cara á elaboración dos orzamentos participativos, os primeiros dun organismo provincial en España, continúan mañá no partido xudicial de Vilalba. A asemblea terá lugar na Casa da Cultura vilalbesa, ás 20:00 horas, e poderán participar todas as persoas que o desexen, cos únicos requisitos de ter máis de 16 anos de idade e estar empadroados nalgún dos 6 Concellos que forman parte do partido xudicial de Vilalba. Este son os seguintes: Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade. 
 
O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

– Haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.

– Abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.

– Os veciños cubrirán ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Ademais da xuntanza, a Deputación abre outras dúas vías de participación: on line, no portal www.orzamentosparticipativos.org; e por medio das redes sociais, unha canle consolidada no organismo provincial.

Novas xuntanzas e prazos

Trala cita de mañá en Vilalba, as xuntanzas participativas continuarán o xoves, 17 de xullo, en Sarria; o 22 en Monforte; o 29 en Becerreá; o 30 en Mondoñedo; e o 31 en Lugo. Ata finais de xullo os veciños opinarán sobre as súas prioridades nas xuntanzas participativas por partido xudicial a través destas tres canles. En base ó manifestado polos cidadáns, durante os meses de agosto e setembro unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.

14 de xullo de 2014 | 13:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.