publicidade hoxe

Uns 1.200 xóvenes participarán nas actividades da campaña de verán de Xuventude na Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoViveiroXuventude
A-
A+

O albergue xuvenil de Area, en Viveiro, e o campamento A Devesa, de Ribadeo, acollerán a 1.220 mozos e mozas que proceden de toda Galicia na Campaña de Verán 2014, organizada pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Viveiro aos participantes nas actividades da campaña de verán. En concreto, na actual quenda, que vai do día 2 ao 12 deste mes, no albergue de Area, en Viveiro, 100 mozos e mozas, de entre 13 e 15 anos, están a participar nun campamento de actividades relacionadas co mar, como a vela, o windsurf, o wake board, ou a aula de natureza mariña. Esta albergue acolle ata o final da campaña a 520 usuarios

Pola súa banda, o campamento A Devesa de Ribadeo está a acoller a 174 mozos e mozas de entre 10 e 14 anos que participan nun programa de multiaventura que, entre outras actividades, conta con muro de escalada, tiro con arco, bicicleta e actividades naúticas. Esta instalación acolle ata o final da campaña a 700 usuarios nas súas diferentes quendas.

No que respecta ao total provincial, Lugo oferta este ano un total de 1.875 prazas na campaña de verán Ademais das instalacións da Mariña, tamén participan desta iniciativa o campamento Os Chacotes de Palas de Rei, o Poboado dos Peares en Carballeda, o complexo xuvenil LUG II e o albergue Benigno Quiroga de Portomarín, que, ademais dos campamentos, tamén acollerá un campo de traballo de difusión turística do camiño do 11 ao 22 de agosto.

No total galego, en toda a campaña de verán tomarán parte 8.268 mozos e mozas, un 2,7 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico está a investir case 2,3 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre os postos de monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

Voluntariado xuvenil

Por outra banda, tras a visita a Viveiro, o director xeral de Xuventude mantivo unha xuntanza cos participantes do proxecto de voluntariado xuvenil do Concello de Xove. O programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar permite este ano que un total de 69 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, se incorporen como voluntarios aos proxectos solidarios de 8 concellos e 8 entidades de acción voluntaria da provincia de Lugo. En total, estes voluntarios executarán un total de 2.373 xornadas de acción voluntaria.

En concreto, na zona da Mariña, o investimento do programa de voluntariado xuvenil é de 3.066 euros, repartidos entre os concellos de Lourenzá, Viveiro e Xove, cun total de 9 persoas voluntarias que realizarán 371 xornadas de voluntariado xuvenil.

No proxecto de voluntariado do Concello de Xove, que leva por título “Xuventude Activa”, 5 voluntarios xuvenís participarán en diferentes actividades de carácter formativo e lúdico destinadas a neno/as durante as vacacións do verán. Entre estas actuacións que se realizarán podemos atopar obradoiros de traballos manuais, cociña, informática e idiomas, así como actividades relacionadas coa natureza e coa diversidade e inclusión. Ao final, realizarase unha exposición co resultado de todas actividades desenvolvidas.

Ovidio Rodeiro Tato destacou que este é o primeiro programa en todo o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Ademais, tamén resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Os proxectos que se executan mediante o voluntariado xuvenil teñen unha duración comprendida entre 15 e 60 días, e se desenvolverán nas áreas relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, o arte ou as tradicións populares galegas; cos colectivos en situación de risco; con proxectos xuvenís; con actividades ambientais ou relacionadas coa igualdade de xénero.

Ao programa de Voluntariado Xuvenil, a Consellería de Traballo e Benestar destina en 2014 un total de 440.000 euros, un 17 por cento máis que o ano pasado, o que permite que en Galicia se incorporen como voluntarios 736 mozos e mozas a proxectos solidarios de 54 concellos e 68 entidades.

11 de xullo de 2014 | 13:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.