publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha nova edición do Certame Condado de Pallares busca promover a investigación en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGuntínLugoTaboada
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou hoxe a importancia da iniciativa por fomentar o coñecemento da nosa cultura e o uso da lingua galega no eido da investigación que realiza o Executivo galego a través da Consellería de Cultura e Educación, “que aposta decididamente tanto por apoiar e impulsar a investigación sobre o galego como aqueloutra feita en galego”.

Arias fixo estas declaracións no marco da presentación do VIII Certame de Investigación Lingüística Condado de Pallares, promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración co departamento de Cultura e Educación da Xunta de Galicia. O certame, indicou a delegada, busca impulsar “os labores de investigación asociados aos ámbitos da lingüística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no antigo territorio que conformou o coñecido Condado de Pallares”.

Arias tamén aludiu ao feito de que “grazas a este premio, xa consolidado no ámbito dos certames galegos de investigación, ven a luz ano a ano valiosos traballos de investigación arredor da lingua, da arte, da antropoloxía ou da etnografía dos concellos que integraron noutrora o Condado de Pallares, dos cales a meirande parte integran a día de hoxe a Rede de Dinamización Lingüística, o proxecto máis importante posto en marcha polo Goberno galego en materia de promoción social do idioma. Tal é o caso de Guntín, Taboada e Chantada”.

No acto de presentación, que tivo lugar na sede de Abanca Fundación tamén estivo presente a xefa de coordinación da área de Cultura da Delegación Territorial, Yolanda Gómez, o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez; o delegado de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro; o alcalde de Chantada, Manuel Varela; o alcalde de Taboada, Ramiro Moure, e o responsable de zona de Abanca Jesús Fernández.

O certame Condado de Pallares, que xa vai pola súa oitava edición, ten un premio dotado con 3.000 euros e a publicación do traballo gañador, a el poden concorrer todas as persoas que presenten textos inéditos en lingua galega arredor da temática antedita, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo. O prazo de presentación estará aberto ata o 1 de novembro e a finais dese mes o xurado ditaminará o gañador.

10 de xullo de 2014 | 13:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.