publicidade hoxe

Un total de 68 estudios de arquitectura optan ao deseño do Centro de Usos Náuticos da Illa de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Apertura dos proxectos presentados

Apertura dos proxectos presentados

68 arquitectos ou estudios de arquitectura optan ó premio do concurso de ideas para deseñar o Centro de Usos Náuticos da Illa de Arousa, no que a Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello, investirá 1,2 millóns de €.

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presidiu esta mañá a primeira das reunións da mesa de contratación, na que se abriron os paneis cos 68 deseños presentados a este concurso e que, en palabras de Louzán, “nos fan pensar que o resultado final será un edificio moi atractivo para este espazo, na mesma entrada da Illa de Arousa, na enseada do Bao”.

A valoración do xurado, que determinará o proxecto gañador, comezará unha vez abertas as propostas.

O gañador recibirá un premio de 6.000 €; ademais encargarase da redacción do proxecto básico e da súa execución, así como da dirección da obra, para o que se establece unha achega máxima de 59.000 €.

Pola súa banda, o segundo e terceiro clasificados obterán cadanseu premio de 6.000 €.

Comezo das obras en 2014

Unha vez seleccionado o proxecto gañador procederase á súa licitación neste exercicio, co obxectivo de que “as obras se poidan iniciar este mesmo ano e que en 2015 estean practicamente rematadas”, segundo Rafael Louzán.

O presidente da Deputación lembrou que, para poder cumprir ese obxectivo, os orzamentos da Administración teñen xa consignada para este ano unha partida de 500.000 €.

Trátase, asegurou, de “dar resposta a unha demanda histórica do Club de Piragüismo e da Asociación de Dornas a Vela” da Illa; dotaranse dun centro acorde coa “singularidade deste concello e coas súas potencialidades no eido dos deportes náuticos”.

O obxectivo é que, entre as achegas dos 68 estudios e profesionais que participaron neste concurso, se poida elixir o mellor deseño para un centro náutico que está chamado non só a dotar de instalacións dignas os clubs deportivos da Illa senón a servir de atractivo turístico nunha zona de alto valor neste concello, como é O Bao, na mesma entrada do municipio.

Á hora de valorar as propostas terase en conta a súa calidade estética e funcional, así como a viabilidade económica e a eficiencia enerxética dos edificios e as instalacións.

No que respecta á estética e funcionalidade atenderase a cuestións coma a integración arquitectónica na paisaxe, dadas as especiais características da zona; que sexa accesible para persoas con mobilidade reducida; unha presentación atractiva e orixinal; que teña en conta criterios de aforro enerxético; ou a facilidade no mantemento das instalacións.

Previsto para construír nunha parcela de 3.888,33 m², o edificio deberá contar cunha zona común de acceso a espectadores e usuarios, con vestíbulo e control de accesos, zona de administración e área de servizos públicos; unha área de ximnasio, vestiarios e  almacéns; outra destinada a piragüismo con almacén de piraguas e hangar para furgonetas, lanchas e remolques; zona de adestramento e sala de ergómetros; e outra área para a Asociación de Dornas A Vela, con almacén, taller de reparación e almacén, entre outras.

Louzán subliñou que se trata dunha “actuación imparable” que responde ás necesidades do Club de Piragüismo e da Asociación de Dornas a Vela.

1 de xullo de 2014 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.