publicidade hoxe

Un total de 24 voluntarios participan no programa de acompañamento a persoas con diversidade funcional nas Cíes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, puxo en marcha por primeira vez un programa de voluntariado para o apoio e o acompañamento a persoas con diversidade funcional no entorno das Illas Cíes.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, visitaron hoxe aos participantes nesta iniciativa que se está a desenvolver durante os meses de xullo e agosto. Un grupo formado por tres persoas voluntarias participan, de mércores a mércores, en labores de apoio e acompañamento a persoas ou grupos de persoas con diversidade funcional que visiten a illa. En total, 24 voluntarios participarán nesta actividade.

Rodeiro apuntou que os participantes “reciben unha formación previa á chegada á illa sobre o parque e a atención a persoas con diversidade funcional”. As súas funcións son basicamente de acompañamento nas actividades que se fagan pola illa, fundamentalmente axuda nas rutas e nas actividades de baño con cadeira adaptada.

O programa inclúe aloxamento en tenda de campaña, manutención e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Os voluntarios deben desprazarse por conta propia ata o porto de Vigo, desde onde serán recollidos en barco para o seu traslado á illa. Poden participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade.

Ao finalizar a súa participación neste programa, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. Todos os voluntarios e voluntarias que estean dispostos a colaborar neste proxecto poden inscribirse na páxina ‘voluntariadogalego.org’.

Esta iniciativa forma parte do programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, no que máis de 330 persoas están a realizar este ano actividades de voluntariado nos arquipélagos de Cíes, Sálvora, Cortegada e Ons.

Ademais deste programa de apoio as persoas con diversidade funcional que visitan a illa, Ovidio Rodeiro achegouse tamén nas Cíes ata o campo de traballo de carácter medio ambiental, que conta con catro quendas de doce días de duración cada unha, desde o 2 de xullo ata o 28 de agosto. En total, participan 120 voluntarios de entre 18 e 30 anos de idade de diferentes nacionalidades, xa que este campo é de carácter internacional.

18 de xullo de 2014 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.