publicidade hoxe

Un grupo de 16 voluntarios desenvolven actuacións de conciliación laboral e familiar en Boqueixón e Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal PortadaVedra
A-
A+

Un total de 16 mozos e mozas están a participar no proxecto de voluntariado ‘Val do Ulla’ que está a apoiar a Consellería de Traballo e Benestar. Os participantes están a realizar diversas actividades como a atención a peregrinos, accións de carácter ambiental e diversas accións de animación e desenvolvemento comunitario co obxectivo de colaborar na conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións de verán dos máis pequenos da familia.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe en Boqueixón cos responsables e cos voluntarios xuvenís que colaboran con este concello e o de Vedra para coñecer de primeira man o desenvolvemento deste programa, que foi o único proxecto de voluntariado xuvenil presentado en conxunto por dúas entidades locais.

Rodeiro destacou que este é o primeiro programa en todo o Estado que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Ademais, felicitou aos organizadores do programa por ser o único presentado por dous concellos conxuntamente, e resaltou que os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida mediante este proceso de educación non formal, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Xuventude apoia esta iniciativa a través do programa de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Traballo e Benestar, que está a permitir este ano que un total de 335 mozos e mozas, de entre 18 e 30 anos, se incorporen como voluntarios aos proxectos solidarios de 20 concellos e 35 entidades de acción voluntaria da provincia da Coruña. En total, estes voluntarios executarán un total de 17.554 xornadas de acción voluntaria.

Os proxectos que se executan mediante o voluntariado xuvenil teñen unha duración comprendida entre 15 e 60 días, e se desenvolven nas áreas relacionadas co Camiño de Santiago; coa recuperación da cultura, o arte ou as tradicións populares galegas; cos colectivos en situación de risco; con proxectos xuvenís; con actividades ambientais ou relacionadas coa igualdade de xénero.

Ao programa de Voluntariado Xuvenil, a Consellería de Traballo e Benestar destina en 2014 un total de 440.000 euros, un 17 por cento máis que o ano pasado, o que permite que en Galicia se incorporen como voluntarios 736 mozos e mozas a proxectos solidarios de 54 concellos e 68 entidades.

29 de xullo de 2014 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.