publicidade hoxe

Turismo de Galicia quere poñer en valor os recursos de Arousa Norte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do CaramiñalBoiroRianxoRiveira
A-
A+
Imaxe da exposición

Imaxe da exposición

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e o presidente da Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Norte, Isaac Maceiras, asinaron hoxe en Boiro un convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a mancomunidade orientado á realización de actividades de promoción destinadas á posta en valor turística dos recursos singulares deste territorio. No acto participou tamén a delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo.

Segundo explicou a directora de Turismo, este convenio enmárcase na estratexia de perseverar nos territorios que xa tiveron plans de dinamización ou de excelencia turística e de continuar coa colaboración interadministrativa para facer destinos turísticos singulares e diferenciadores que especialicen a súa oferta e enriquezan o conxunto da oferta turística galega.

Nava Castro explicou, tamén, que a acción está enmarcada na sexta liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia relacionada co consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades. Nesta liña contémplase o apoio ao desenvolvemento dos destinos e a comunicación e cooperación entre administracións.

A directora de Turismo destacou que “Arousa Norte é un dos destinos galegos que se caracteriza pola súa implicación e esforzo no desenvolvemento de produtos turísticos innovadores”. E engadiu que a especialización do destino en aspectos como a accesibilidade turística fixérono merecedor de múltiples recoñecementos. “Iniciativas como as estadías literarias ou a creación do primeiro paquete turístico do Estado adaptado a persoas con diversidades funcional visual son algúns dos éxitos dun destino que traballa día a día por superarse”, destacou.

A directora de Turismo incidiu en que para continuar traballando neste liña, o convenio de colaboración que hoxe se rubricou establece as bases para a subvención de actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento do turismo.
Os obxectivos que recolle pasan pola consolidación do xeodestino Arousa Norte como destino accesible; o afianzamento da colaboración público-privada a través da cooperación do sector turístico empresarial da zona e a realización de actividades de promoción e a creación dun merchandising específico que, alén de ser representativo do xeodestino, implique á industria da zona no seu desenvolvemento.

Distintivos e datos turísticos

Ao tempo, incidiu na aposta de Arousa Norte pola calidade e a sustentabilidade turística. “Distintivos coma a Bandeira Azul ou o Q de Calidade outorgados a praias e portos da zona son testemuñas deste gran esforzo por converter este territorio nun gran destino turístico sostible”, comentou.

Este ano, Arousa Norte conta con 11 areais con Bandeira Azul e 3 coa Bandeira Q de Calidade Turística. A isto hai que engadir o Sendeiro Azul, dous Centros Azuis, os dous portos coa Bandeira Azul e outras dúas instalacións náutico-deportivas con Q de Calidade.

Segundo dixo a directora de Turismo, estas distincións engadidas á súa paisaxe, o seu patrimonio marítimo, á súa contorna natural, así como a súa gastronomía e as súas festas onde destacan as catro declaradas de Interese Turístico de Galicia son algunhas das razóns polo que cada ano acoden a esta zona miles de turistas e visitantes.

Nava Castro achegou, tamén, datos turísticos da zona e resaltou que no pasado mes de maio acudiron aos establecementos hoteleiros situados na Ría de Arousa máis de 26 mil viaxeiros que realizaron 65 mil pernoitas. Isto supuxo un incremento do 3,5% na cifra de viaxeiros aloxados e dun 10% no nivel de pernoitas do pasado ano.

Estes datos reflicten o aumento que tamén está acontecer no acumulado do ano, xa que dende xaneiro a maio subiu a cifra de viaxeiros nun 12%, con algo máis de 85 mil viaxeiros e tamén se incrementou a cifra de pernoitas nun 14%, con preto de 190 mil pernoitas en relación ao mesmo período do pasado ano.

10 de xullo de 2014 | 12:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.