publicidade hoxe

Tomás Richartz confirma que quere seguir formándose e sumar máis anos de experiencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O fisoterapeuta do Rio Natura Monbus, Tomás Richartz, prepárase xa para viaxar a Eslovenia o próximo 13 de agosto coa selección española U14 Masculina, que disputará alí o torneo internacional BAM, berce habitual de grandes talentos do baloncesto.

Aínda que xa non é a primeira experiencia nacional para el, que o pasado ano preparou á U13 e tamén traballou coa U18 e coa U15, confesa sentirse “moi contento de que nalgún momento da tempada e cada verán me chamen e conten comigo para algunha concentración”. O seu traballo, condicionado pola xuventude dos xogadores que soñan con saltar ás grandes ligas, consistirá en “axudar a mellorar e a crecer aos mozos xogadores tanto desde o punto de vista da fisioterapia deportiva (previr lesións, tratar patoloxías típicas en idade de crecemento, etc) como no persoal e na dinámica de grupo dun equipo de baloncesto”, explica.

Previamente aos partidos contra Hungría, Macedonia, Croacia e a propia Eslovenia, o conxunto dirixido por José Silva e Fermín Cañizares fará piña en Barcelona, un feito que o propio Tomás cualifica como “moi importante”,  xa que o colectivo non está afeito a  traballar en conxunto o resto do ano.

O fisioterapeuta revela tamén unha diferenza importante entre este traballo e o que adoita realizar durante o ano co Rio Natura Monbus. “O xogador profesional coñece perfectamente todos os aspectos do seu traballo tanto dentro como fóra da cancha e os progresos e melloras xa adoitan consistir normalmente en pequenos matices. O neno, ou máis ben adolescente neste caso, está en plena idade de desenvolvemento físico e mental con moito que aprender e cunha gran capacidade de absorción e posterior asimilación e transferencia da aprendizaxe. Son mozos moi motivados e implicados que se converten en auténticas esponxas”, afirma. Tamén fala doutras diferenzas como “o currículo de lesións que en nenos é mínimo ou nulo, mentres que nos máis adultos moitas veces tes que manter nas mellores condicións posibles articulacións e músculos que sufriron lesións, cirurxías ou que presentan dexeneración”.

22 de xullo de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.