publicidade hoxe

Soutomaior rende homenaxe ao Santiago Apóstolo cun fin de semana cheo de tradición, música, deporte e teatro infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Soutomaior acolle un fin de semana cheo de actividades en honra ao patrón de Arcade, o Apóstolo Santiago. Tres días cheos de propostas para todos os públicos, desde a actuación do teatro infantil de Os Bolechas á festa temática dos anos 80 coa actuación de La Década Prodigiosa, pasando pola celebración da I Carreira Popular da Ostra, a tradicional procesión en honra ao Apóstolo e o Festival de Clausura da Escola Municipal de Música, que trasladou a súa localización desde a alameda Talo Río de Arcade ao edificio Multiusos.

As celebracións comezarán o venres, día do Apóstolo Santiago, ás 21:00 horas, coa tradicional oración e procesión desde o Peirao de Arcade. Unha misa acompañada na que se renden honras ao patrón local. O sábado 26 será o día grande do fin de semana. Ás 12:00 horas no Peirao de Arcade comezará os pasarúas e a posterior actuación de “Os Bolechas”. Un espectáculo moi dinámico que vira en torno ao universo dos irmáns Bolechas e a súa inseparable mascota Faísca, e, no que mesturan aventuras e cancións a través dos personaxes da serie nunha fusión de monicreques e teatro convencional. Ademais, todos os nenos que asistan ao espectáculo recibirán un agasallo do Concello de Soutomaior. O libro infantil, con historias e debuxos para colorear, Os Bolechas en Soutomaior. Unha historia na que os personaxes percorren os recunchos máis emblemáticos do municipio como o Castelo, a praia de Arcade, a ponte de Camboa, o río Verdugo ou o miradoiro Virxe da Peneda.

A partir das 20:00 horas comezará, tamén no Peirao, a festa temática anos 80. Até as 22:30 horas os pequenos gozarán dos xogos, talleres, música e atraccións dos anos 80. Ás 23:00 chegará a quenda dos adultos coa actuación de DJ Varela como introdución ao concerto principal da noite, ás 00:00, La Década Prodigiosa. Unha das bandas máis lembradas polo seu innumerable repertorio de versións dos anos 80 e 90.

O domingo 27 celebrarase, a partir das 11:00 horas, a I Carreira Popular da Ostra. Haberá diferentes carreiras de categorías menores nas que a distancia oscilará desde os 100 metros dos “chupetes” aos 1.500 metros dos xuvenís. A categoría absoluta, que comezará ás 12:30 horas, ten un percorrido de ao redor de cinco quilómetros. As categorías inferiores poderanse inscribir como límite até o mesmo día da carreira, desde as 09:00 até media hora antes do comezo da proba.

Os festexos finalizan ás 20:00 horas do domingo coa celebración do Festival de clausura da Escola de Música de Arcade. Un certame musical que, para maior comodidade dos asistentes, trasladou a súa localización desde a Alameda Talo Río até o edificio Multiusos de Arcade.

24 de xullo de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.