publicidade hoxe

Soutomaior presenta o programa de eventos e festas para este verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior presentou esta mañá a axenda de eventos e festexos municipais para este verán. Unha programación froito da colaboración entre as distintas concellarías que conta con toda clase de contidos para públicos de todas as idades. Destacan entre outras as actuacións de “La Década Prodigiosa”, as concentracións moteiras e de “Seat 600” ademais do espectáculo dos Bolechas no Peirao de Arcade, no que todos os nenos asistentes recibirán o agasallo dun exemplar do libro infantil “Os Bolechas en Soutomaior”, editado por Bolanda en colaboración co Concello de Soutomaior.

Trátase, segundo o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, de “unha axenda de actividades de diverso contido e dirixida a todos os públicos”. A programación está composta por 23 eventos incluíndo a mostra de “Artistas da Bisbarra” que se exporá durante todo o mes de agosto no Castelo de Soutomaior.

Para empezar o mes de xullo, ademais do recente Concurso de Karaoke realizado no multiusos de Arcade, o Pavillón da Montesiña acollerá até o día 13 o torneo T&P Soutomaior de padel e tenis. O sábado 12, a partir das 19:30 horas no Peirao de Arcade, celebrarase un Festival Solidario a cargo do Centro Deportivo e de DanzaArtmadance. Ao día seguinte, na Alameda Talo Río ás 21:00 horas, será a quenda do teatro co espectáculo multixénero “Casal em risco” da Compañía Asacocirco.

O fin de semana seguinte, sábado 19 de xullo, comezará cos pasacalles e posterior actuación de “Os Bolechas”. Un espectáculo moi dinámico que vira en torno ao universo dos irmáns Bolechas e a súa inseparable mascota Faísca, e, no que mesturan aventuras e cancións a través dos personaxes da serie nunha fusión de monicreques e teatro convencional. Ademais, todos os nenos que asistan ao espectáculo recibirán un agasallo do Concello de Soutomaior. O libro infantil, con historias e debuxos para colorear, Os Bolechas en Soutomaior. Unha historia na que os personaxes percorren os recunchos máis emblemáticos do municipio como o Castelo, a praia de Arcade, a ponte de Camboa, o río Verdugo ou o miradoiro Virxe da Peneda. O domingo 20, a partir das 11:30 horas, terá lugar a clásica Festa dá Bicicleta, outro dos eventos máis esperados polos nenos todos os anos.

O último fin de semana de xullo, venres día 25 ás 21:00 horas, celebrarase a tradicional procesión do día de Santiago Apostol desde o Peirao de Arcade. O sábado 26 será un dos días grandes do verán en Soutomaior grazas á celebración da súa festa temática inspirada nos Anos 80. A festa contará cunha infinidade de actividades para todos os públicos e terá o seu punto álxido coa actuación da mítica banda “La Década Prodigiosa”. As actividades comezarán a partir das 19:00 no Peirao de Arcade.

O domingo 27 celebrarase a primeira edición da Carreira Popular da Ostra que contará con catro categorías, Junior,Promesa,Sénior e Veteranos. Pola tarde, ás 20:00 horas, na Alameda Talo Río de Arcade celebrarase o Festival de Clausura da Escola de Música de Arcade.

Xogos, maxia, motos e coches durante o mes de agosto

As actividades programadas para o mes de agosto comezarán o venres 1, ás 22:30 horas na Alameda Talo Río, co concerto “Bandas Sonoras” a cargo da Banda Música Artística Arcade. O sábado 2, a partir das 21:30 horas no Peirao de Arcade, celebrarase o Festival de Clausura das Actividades Infantís de Verán 2014. A festa contará coa actuación de “Dous pallasos en máis apuros” e moitas outras sorpresas. Ademais, os pais poderán ser testemuñas dos ben que o pasaron os seus pequenos grazas á exposición dos vídeos das actividades. O domingo día 3, ás 22:30 no mesmo escenario do Peirao, o público de Arcade gozará dunha das grandes bandas de música tradicional, A Roda.

O martes 5 de agosto arrincará a semana grande de festexos coa celebración da Festa da Familia. Unha xornada chea de xogos para os máis pequenos con inchables, festa da espuma, pompas xigantes de xabón ademais dunha merenda saudable e actividades para todas as idades. O mércores 6, o día de San Salvador, celebrarase a tradicional Misa e Procesión en Soutomaior, que contará coa actuación da Banda de Música Cultural de Arcade. O día de San Cayetano, o xoves 7, comezará coa Misa na Igrexa de Soutomaior a partir das 09:00 horas e a posterior procesión até o Castelo de Soutomaior coa animación do Grupo de Gaitas “Soutomaior”. Ás 10:30 e 12:00 celebraranse misas na Capela do Castelo coa actuación do Grupo Folclórico e Pandereteiras “Soutomaior”.

O venres 8, ás 21:00 horas, a Alameda Talo Río de Arcade encherase de maxia co espectáculo de ChrystianMagic e a súa representación “A casiña da maxia na rúa”. O domingo 10, ás 11:00 horas, o Peirao de Arcade encherase de recordos e cheiro a gasolina cunha concentración do maior clásico do motor español, o Seat 600.

O mes de agosto tamén contará coa súa pequena sección deportiva coa celebración do Torneo Concello de Soutomaior de tenis e padel entre os días 11 e 17. As últimas actividades para os máis pequenos celebraranse o xoves 14, co espectáculo de teatro musical “A nena e os grilos” e o venres 22 coa actuación de Os Tres Tenedores e a súa obra de teatro e humor “Cocido Sinfónico”. Ambas as na alameda Talo Río de Arcade e ás 21:00 horas.

Para despedir o verán, o sábado 23 a partir das 12:00 horas no Peirao de Arcade, terá lugar a III XuntanzaMoteira, coa participación do Motoclub Os Pejos. Unha celebración que, como non podía ser doutra maneira, contará cun festival de música rock para animar aos participantes.

Durante o acto de presentación, o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, remarcou que, “Hai actividades programadas para todos os fins de semana, para todos os públicos e de todo tipo. Tentamos abarcar todo tipo de espectáculos e creo que o conseguimos”. A programación completa das actividades propostas polo Concello de Soutomaior estará dispoñible na páxina web municipal.

9 de xullo de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.