publicidade hoxe

Sober rebaixa a factura da auga nun 30%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober aprobou no Pleno que se celebrou o pasado martes unha rebaixa do 30% no recibo da auga que beneficiará a todos os veciños e veciñas. Ata o de agora a ordenanza fixaba un pago de 38 euros semestrais por vivenda cun consumo de 10 metros cúbicos ao mes (60 metros cúbicos ao semestre).

A moción, aprobada polo equipo de Goberno coa abstención da oposición, recolle unha rebaixa ata os 27 euros semestrais co mesmo consumo mínimo de 10 metros cúbicos en trinta días.

A proposta elevada a votación pola Alcaldía é posible grazas a que nos últimos meses se incrementou en preto de 100 o número de usuarios novos na rede municipal de augas coa incorporación dos lugares de A Pena de Proendos, Millán, A Bertonia, Castaxúa e O Campo.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, destaca que as melloras levadas a cabo na rede da capitalidade e en Sistindomato e nos depósitos reguladores tamén permitiron unha diminución do consumo, e polo tanto, do gasto. A nova tarifa entrará en vigor en xaneiro de 2015 e conta cun informe favorable de Intervención municipal.

Festas de 2015

O Pleno acordou ademais fixar como festas locais para 2015 o 8 de setembro, no que se celebrará a Romaría de Cadeiras, e o 21 de setembro, Festas do Carme de Sober.

O equipo de Goberno rexeitou a moción da concelleira non adscrita, Paula Verao, na que se pedía a declaración de Sober como municipio oposto á aplicación do tratado transatlántico de comercio e investimento.

31 de xullo de 2014 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.