publicidade hoxe

Ruta Atlántica da I Travesía Náutica Xacobea na Mariña lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoRibadeoViveiro
A-
A+

ruta atlanticaA delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, presidiu no Real Club Náutico de Ribadeo a recepción dos participantes da Ruta Atlántica da I Travesía Náutica Xacobea, unha iniciativa promovida por Turismo de Galicia que está enmarcada dentro dos actos cos que a Xunta de Galicia conmemora o VIII centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela.

Arias destacou durante o acto “a extraordinaria resposta” que tivo a proposta de Turismo de Galicia tanto no ámbito nacional como internacional, dado que do porto de Ribadeo zarparán 33 embarcacións procedentes de Irlanda, Francia, Inglaterra ou Bélxica, ademáis de España, entre outros outros países.

A representante do Executivo galego sinalou que con esta iniciativa “actúase tamén de xeito importante na promoción da Mariña”, xa que o desenvolvemento desta ruta engloba a preto de 200 navegantes e numerosos visitantes, dispostos a disfrutar coas evolucións dos 33 barcos que zarparán mañá Ribadeo en dirección a Viveiro para abandonar a comarca da Mariña o luns. A maiores, esta previsto que outras tres embarcacións se sumen ao grupo de participantes nesta ruta mentres sucan a costa norte galega en dirección a Boiro.

“Este evento –afirmou Arias- atrae a centos de persoas á Mariña, entre navegantes e público, e non me cabe dúbida de que repercutirá moi positivamente na promoción turística da zona, que é o obxectivo principal que persegue Turismo de Galicia”.

Calidade

Arias lembrou tamén que “a calidade determinou a selección das estacións náuticas para acoller as embarcacións desta peregrinación náutica” e, neste sentido, aproveitou, para destacar que o RCN de Ribadeo ten o distintivo da Q de calidade e no porto deportivo de Viveiro luce de novo dende hai días a bandeira azul.

A Travesía Náutica Xacobea contempla dúas propostas, unha ruta Mediterránea (ou ruta Sur), que comezou o 14 de xuño no porto de Xénova, e una ruta Atlántica (ruta Norte), que parte mañá de Ribadeo e inicia a segunda etapa en Viveiro.

A ruta mediterránea percorrerá 1.542 millas en 14 etapas ao longo de case un mes de navegación. A ruta Atlántica percorrerá cerca de 210 millas náuticas en seis etapas: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Portosín, Ribeira e Cabo da Cruz. Será neste último porto cando, o día 11 de xullo, a iso das dúas da tarde se xunten os barcos da ruta Atlántica procedentes de Ribeira e os que chegan da ruta Mediterránea dende Portonovo.

A Dirección Xeral de Xuventude participa tamén na iniciativa a través das actividades da Campaña de Verán para a mocidade galega. Así unha das goletas que completará o percorrido atlántico será a Goleta Nieves, na que a Xunta ofreceu 25 prazas a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos; “tripulantes” aos que neste caso non se lles esixe coñecementos náuticos e que, ao tempo que disfrutan da navegación, aprenderán algunhas das tarefas que se levan a cabo nunha embarcación de vela de gran eslora.

Turismo de Galicia organizou a travesía en colaboración con ASNAUGA (Asociación de Clubs Náuticos de Galicia) co obxecto de rememorar a traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, configurando unha viaxe única en Europa polas súas características.

No acto desenvolvido na tarde de hoxe no RCN de Ribadeo, estiveron presentes, entre outros representantes, Javier Ruiz de Cortázar, presidente de ASNAUGA; e Ramón Acuña, presidente do RCN de Ribadeo.

5 de xullo de 2014 | 20:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.