publicidade hoxe

Rubén Millán e Cristian Silva proclamáronse campións do Mundo en Szeged

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Rubén Millán, último na embarcación

Rubén Millán, último na embarcación

Rubén Millán, en K-4 1.000 metros sub-23, e Cristian Silva, en K-4 1.000 metros júnior, proclamáronse campións do Mundo en Szeged (Hungría) nunha xornada histórica para o piragüismo galego. No balance xeral da competición, Galicia logra dúas medallas de ouro e os oito padexeiros que tomaron parte nas regatas terminaron entre os dez primeiros.

Rubén Millán formou xunto a Javier Cabanin, Markus Walz e Juan González a tripulación do K-4 1.000 metros que logrou unha xesta de gran valor. Desde o comezo do campionato dominaron aos seus rivais. Clasificáronse para a final co mellor tempo e ademais non tiveron que disputar a semifinal.

Na regata decisiva volveron a demostrar a súa superioridade. Foron líderes desde a primeira palada e confirmaron os prognósticos que lles colocaban como grandes favoritos. Segundos foron os rusos, que chegaron un segundo e medio máis tarde á liña de chegada, e terceiro os bielorrusos, con máis de dous segundos de atraso.

Rubén Millán, que pertence ao Kaiak Tudense, ten 21 anos, e a tempada pasada proclamouse sub-campión de Europa en K-4 1.000 metros. Nas últimas semanas estivo concentrado en Madrid no Centro de Alto Rendemento. Tamén acudirá ao Mundial sénior en Moscova o próximo mes de agosto.

Cristian Silva protagonizou a outra gran xesta en Hungría. Xunto a Pedro Vázquez, Pelayo Roza e Ramón Lecumberri, impuxéronse ao final de K-4 1.000 metros júnior. Unha vitoria traballada e axustada tal como reflicten os tempos finais. Rusia quedou a 0,268 segundos e Australia tamén moi preto.

Cristian Silva pertence ao Boiro Rías Baixas e na súa traxectoria deportiva pódense atopar triunfos tanto no Campionato de España como nos Galegos nas categorías infantil e cadete. É un dos actuais compoñentes do equipo español júnior que realiza unha concentración en Trasona (Asturias) como preparación para as probas máis importantes da tempada. O padexeiro galego tamén tomou parte na modalidade de K-2 1.000 metros, xunto a Pedro Vázquez no Campionato do Mundo. Foron sétimos na final.

O resto de padexeiros galegos que participaron no Campionato do Mundo júnior e sub-23 tamén tiveron unha boa actuación. En sub-23, Cristina Noya, xunto a Araceli Figuelas, foron oitavas en C-2 500 metros. Adrián Sieiro terminou no sétimo lugar en C-1 200 metros. Esta proba resultou moi igualada, xa que entre os nove participantes rexistrouse unha diferenza inferior a dous segundos.

Tania Fernández, que tivo como compañeira a Begoña Lazkano, en K-2 500 metros, disputou a final B desta modalidade. Lograron o primeiro posto, polo que terminaron no décimo lugar na clasificación xeral final.

Sergio Vallejo, en C-1 1.000 metros da categoría júnior, foi oitavo na final, mentres Camila Aldana Morriso e Raquel da Costa, en K-2 500 metros, foron as que gañaron a final B e por tanto tamén terminaron na décima posición final.

20 de xullo de 2014 | 20:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.