publicidade hoxe

Roi Sixto presenta en Laxe o espectáculo “O Cagabolas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLaxe
A-
A+

A Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Laxe, ten o pracer de informarlle de que o vindeiro xoves 24 de xullo, terá lugar a segunda das actuacións da programación cultural prevista para catro dos xoves deste verán 2014.

Nesta ocasión, contarase cun dos mellores artistas unipersoais e malabaristas do panorama galego: Roi Sixto que achegará o seu espectáculo “O Cagabolas”.

Se as condicións climatolóxicas o permiten (como todo parece indicar) a actuación terá lugar na Praza de Ramón Juega, como todas as actuacións dos xoves, ás 20:00 horas. En caso de choiva, a actividade trasladaríase ó patio cuberto situado na Praza dos Voluntarios (enfronte da Casa do Concello).

No seu divertido espectáculo, dirixido a todo tipo de públicos, o malabarista crea unha personaxe imaxinaria da cal xorden infinidade de aparellos cos cales facer malabares, ofrecendo unha hora de espectaculares xogos.

A pesar da súa destreza de execución, Roi non se deixa caer na pesadez do virtuosismo, e combina as súas rutinas con outras técnicas artísticas, tales como o clown ou o teatro de rúa, atopando sempre algún oco para o humor e a participación do público.

Pelotas, mazas, aros, diábolos, un rulo americano e ata fouciñas… xorden da súa maleta para abraiarnos en cada nova escea.

Pero esta non será a única cita cultural en Laxe esta semana, pois adiantamos xa, que este domingo 27 de xullo, a partir das 19.30 horas e durante algo máis dunha hora, celebrarase tamén na Praza de Ramón Juega, o XIII Certame da Canción Mariñeira coas corais invitadas procedentes de: Aveiro (Portugal), Escobedo de Camargo (Santander) e Cedeira, e como non, pechando o programa de actuacións, tal e como vén sendo costume, a Coral Polifónica Municipal Atalaia de Laxe.

En caso de choiva, esta actividade celebraríase no Salón de Actos Municipal de Laxe.

23 de xullo de 2014 | 11:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.