publicidade hoxe

Responsables do Sergas e do Concello de Cotobade visitan as obras no centro multiusos de Carballedo que prestará servizo coma centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+

O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, Jose Manuel González Álvarez e o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela López, supervisaron hoxe o bo ritmo das obras de acondicionamento do local sito na planta baixa do centro multiusos de Carballedo, que próximamente prestará actividade sanitaria de Atención Primaria mellorando notablemente as condicións para os pacientes deste Concello.

Segundo quedou patente no transcurso da visita de ambos responsables, o Concello de Cotobade está próximo a rematar as obras de acondicionamento do local que, cunha superficie de 201,50 metros cadrados, contará con cinco salas.

Así, unha vez rematen as obras, que tamén contan coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, o Servizo Galego de Saúde trasladará as dependencias do centro de saúde emprazado no lugar da Igrexa (Carballedo) á planta baixa do novo inmoble para, deste xeito, poder reverter ao Concello o local onde se desenvolve actualmente a actividade de Atención Primaria.

Colaboración conxunta en beneficio da veciñanza

Tanto Jose Manuel González coma Jorge Cubela subliñaron que, co obxecto de mellorar a accesibilidade dos usuarios e dar unha mellor resposta á veciñanza, o SERGAS e o Concello de Cotobade continuarán a realizar as xestións pertinentes para que este municipio forme parte da relación de concellos beneficiarios das axudas necesarias para atender os gastos de mantemento do centro sanitario de referencia -electricidade, calefacción, limpeza e persoal- de acordo co Convenio de Colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; a Consellería de Sanidade; o Servizo Galego de Saúde e a FEGAMP, para a realización de programas de atención e protección da saúde.

23 de xullo de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.